
O historiador Diego Piay Augusto atopa a peza nun caderniño de autógrafos de Emilia Lluria, fillastra de María Vinyals
10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Emilia Lluria era apenas unha adolescente cando lle regalaron un caderniño cuxas pastas lucían a palabra Autograph. Filla do primeiro matrimonio do doutor cubano Enrique Lluria, instálase coa familia no castelo de Soutomaior pouco despois de que seu pai casara en segundas nupcias con María Vinyals. Esta herdou a propiedade de Mos á morte do seu tío Antonio Aguilar y Correa, marqués de la Vega de Armijo, e -coa súa nova parella- reconverteu un pavillón auxiliar da fortaleza de orixe medieval para montar unha clínica dotada cos máis modernos equipamentos médicos e sanitarios, o Sanatorio Lluria, que funcionou entre os anos 1911 e 1917.

Polo castelo andaba Emilia cando o domingo 9 de xullo de 1916 chegou de excursión a Soutomaior un grupo de intelectuais e persoeiros pontevedreses convidados pola sociedade Recreo de Artesanos de Pontevedra, entre os que se atopaba Castelao, que acababa de ser nomeado profesor de debuxo no instituto. Anótao Miguel Anxo Seixas, autor do ambicioso proxecto biográfico do artista rianxeiro, Castelao. Construtor da nación, do que publicou o primeiro tomo e deseguido enviará ao prelo o segundo. Castelao, como Sorolla, Benlliure e tantos outros, deixará a súa pegada (dedicatoria, debuxo, poema, pensamento, sinatura) no caderniño de Emilia Luria, que ofreceu a hóspedes e visitantes entre 1914 e 1916.
Castelao fai uns trazos a lapis, que aparecen leve e localizadamente coloreados. Debuxa un home sentado, sen un brazo, pedindo esmola. Debaixo escribe un breve texto diglósico: «Unha limosna, hermano, que me ha dejado inútil la Guardia Civil». A peza cobra sentido, di Seixas, que admite que non a coñecía, en relación con O probe Xan, lámina sexta do álbum Nós, feito entre 1916 e 1918 aínda que publicado en 1931. Existen ademais outras versións case idénticas, que se reproducen o 17 de abril de 1917 en La Hoja Oficial del Lunes da Coruña; o 20 de setembro de 1917 en A Nosa Terra, que inclúe texto: «-N’O Son por querer sere... ¡Unha esmola!», nunha alusión á matanza de Nebra (Porto do Son) do 12 de outubro de 1916; e o 25 de febreiro de 1919 en A Nosa Terra, que engadía: «Que ficou inútil por mor dunha bala de máuser». Seixas conclúe que «o de Lluria podería ser un primordio ou un esbozo de todos estes, pois a idea que subxace é a mesma».
O debuxo apareceu no transcurso das recentes investigacións do historiador Diego Piay Augusto, cuxo froito é o libro María Vinyals, a muller do porvir, que edita o selo compostelán Alvarellos coa axuda da Deputación de Pontevedra, actual propietaria do castelo de Soutomaior, e que se presenta este mércores en Vigo, na Escola Municipal de Artes e Oficios.
Rematada a visita ao castelo, a clínica e demais instalacións, Castelao xanta cos anfitrións María Vinyals e Enrique Lluria, no xardín. Entre os comensais, Prudencio Canitrot Argibay, López de Haro, o médico Heliodoro Fernández Gastañaduy, o cantor Víctor Cervera-Mercadillo, Lema, Barreiro, Joaquín Poza, Rodríguez de Cea, o avogado Valentín García Temes, Cándido e Benigno Barros, Sotelo e Sieiro..... Á tardiña, anota Seixas, regresan no autobús a Pontevedra.