María Vinyals, señora do castelo de Soutomaior, escritora e audaz feminista

O historiador Diego Piay investiga a figura esquecida dunha muller que desde a aristocracia transitou cara ao socialismo

Fotografia de María Vinyals, aínda moza, nos arredores do castelo
Fotografia de María Vinyals, aínda moza, nos arredores do castelo

Redacción / La Voz

«Nacida en el castillo mismo, habiendo crecido bajo los frondosos castaños de su parque, bautizada y casada en su capilla, y amante, como gallega, de mi terriña, me he interesado siempre muchísimo por todo cuanto a aquellos muros se refiere». Así razoa María Vinyals as motivacións que a levaron a escribir en 1904 un libro sobre a historia do castelo pontevedrés de Soutomaior que aínda hoxe é fonte de documentación imprescindible para calquera investigador que se interese por esta fortaleza medieval, que data do século XII e que Pedro Madruga reconstruíu despois do devastador motín dos irmandiños. Alí mesmo, o poderoso conde de Camiña mantivo preso ao bispo de Tui Diego de Muros durante 19 meses, nun dos seus calabozos.

Vinyals naceu no castelo porque o seu dono, Antonio Aguilar y Correa, marqués de la Vega de Armijo, marqués de Mos con grandeza de España, ministro con Sagasta e presidente do Consejo de Ministros no reinado de Afonso XIII, estaba casado coa irmá de seu pai, Aureliano Vinyals. Este morreu enseguida e o seu tío converteuse nunha sorte de segundo proxenitor.

Ao pé da imaxe pode lerse «Castillo de Sotomayor (o de Mos). Pontevedra. A. Roda Tejero. 1888»
Ao pé da imaxe pode lerse «Castillo de Sotomayor (o de Mos). Pontevedra. A. Roda Tejero. 1888»

Antonio Aguilar y Correa e a súa muller, Zenobia, namoráronse do castelo na súa primeira inspección da propiedade que el herdou, e decidiron convertelo na súa residencia de verán para descansar da estresante actividade política e os invernos madrileños. Aquel fermoso conxunto medieval -hoxe en mans da Deputación de Pontevedra- viviu unha nova época de esplendor. Ata en tres ocasións pasou por alí Afonso XII, que participou en cazarías e que se fixo acompañar en 1881 pola raíña María Cristina.

Traballando hai anos na musealización do castelo, o historiador Diego Piay Augusto (Pontevedra, 1979), profesor na Universidad de Oviedo, deu cunha interesante documentación que o impulsou a profundar na investigación da figura de María Vinyals, da súa familia e do propio castelo. Especialmente motivador foi un libro de autógrafos de Emilia Lluria -fillastra de María-, que conserva a súa neta Sofía Sampaio, e que contén firmas e debuxos de artistas tan relevantes como Castelao, Sorolla, Mariano Benlliure ou Luis Romea, como visitantes do castelo. Froito dese traballo é o libro María Vinyals, a muller do porvir (Alvarellos), ensaio que percorre a complexa e difícil pero riquísima existencia desta escritora, feminista, activista social e propietaria do castelo desde a morte de seu tío, en 1908, ata 1917.

Grazas á protección de seu tío, María medrou nun selecto ambiente e gozou dunha exquisita educación. Tocaba o piano, pintaba (expuxo en Madrid), escribía, falaba cinco idiomas... Pero, pese a ese contorno privilexiado, sempre tivo unha conciencia social que a levaba fóra do seu refinado berce. O seu primeiro matrimonio, acordado en 1896, co marqués de Ayerbe Juan María Nepomuceno, que tiña 25 anos máis ca ela, confirmouna nesa nobre posición. Veraneaba en Biarritz, coincidindo coa aristocracia francesa e española. E, xa en Lisboa, seguindo ao seu esposo, embaixador de España en Portugal, mantivo unha boa relación con persoeiros como o rei luso, Carlos I, e o príncipe de Gales e futuro monarca de Inglaterra, Eduardo VII.

Bulía nela, acrecentado por un casorio que a afogaba, un ideario socialista

Pero xa bulía nela, acrecentado por un casorio que a afogaba, un ideario socialista que acabaría por facer de María Vinyals unha audaz activista na loita polos dereitos da muller. Implicouse con escritos e conferencias e coa fundación do Centro Iberoamericano de Cultura Femenina y Escuela de Madres de Familia, en Madrid, onde trabou contacto con Emilia Pardo Bazán e outras feministas pioneiras.

Adúltera, novelista baixo pseudónimo e fundadora dun sanatorio

O amor transformou a vida de María Vinyals, concede Diego Piay, que explica como ao coñecer ao médico cubano Enrique Lluria topou unha alma xemelga, coas súas mesmas preocupacións sociais, disposta a cambiar o mundo, na busca de mellorar a vida dos seus conxéneres. Sen datas exactas, o historiador comprobou, indagando correspondencias privadas, como, aínda casada, xa mantiña relacións con el. Consciente do seu adulterio, Vinyals verteu as súas vivencias e tensións máis íntimas nunha novela, Rebelión, que publicou en 1905 baixo o pseudónimo de Joyzelle (extraído dun drama do premio nobel belga Maurice Maeterlinck), non só polos contidos autobiográficos senón tamén polo feminismo que enarbora.

Rescatando un vello proxecto do doutor, María e Enrique -xa falecido o marqués de Ayerbe e por fin casados- fundan, arredor de 1911, nun pavillón auxiliar do castelo de Soutomaior, o Sanatorio Lluria, dotado cos equipamentos máis avanzados da medicina e especializado en uroloxía. A Primeira Guerra Mundial e os receos políticos que desataron os rumores de que estivera hospedado no complexo Pablo Iglesias -nun contexto ideolóxico difícil- foron provocando unha caída de clientela e facendo que a clínica non fora rendible. Xuízos e embargos polas débedas de xogo do marqués e un préstamo en condicións leoninas deron no peche do hospital en 1917. O castelo saíu á venda. Concluía o soño de facer daquilo un fogar, no que Vinyals incluso puxera en marcha negocios complementarios como un serradoiro ou unha queixería.

Marcharon a Cuba. Lluria morreu en 1925, e a pegada de María pérdese en Madrid, na penuria económica, entre artigos mal pagados e traducións de Edgar Rice Burroughs (autor de Tarzán). Ata hai quen a topou pedindo de esmola.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

María Vinyals, señora do castelo de Soutomaior, escritora e audaz feminista