A oliveira

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

24 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Á miña nai gustáballe moito a xardinería e todo tipo de plantas ornamentais, tamén a agricultura de autoconsumo que ela mesma traballaba e coa que se sentía moi satisfeita, máis aínda cando repartía as súas colleitas cos fillos e outra familia de preto. Gustaba de ter o seu xardín e o seu horto ao seu xeito ao tempo que ía explicando os procesos in situ para que os demais, con máis ou menos atención ou interese, aprendésemos algo.

Ela tivo tres fillos, un deles eu, plantou centos de árbores -tanto froiteiras coma ornamentais- e só lle faltou escribir un libro para completar o famoso dito, aínda que argumentos e historias que contar nel non lle faltarían porque a vida proporcionoulle moitas vivencias, unhas boas e outras non tanto. Entre o vivido estaba a lembranza dunha Guerra Civil dura onde recoñeceu ben as inxustizas pese a non estar en ningún dos dous bandos. Daquela aínda era moi nena.

Nos últimos anos da súa vida, miña nai residía na casa do meu irmán maior que está non moi lonxe de onde eu vivo agora e sempre que podía viña visitarnos e xantaba ou merendaba con nós. Neste tempo o seu xeito de pensar, ánimo e humor estaban mellor ca nunca pero a súa mobilidade ía a menos exponencialmente e para axudarse nas andainas empregaba un pequeno andador con rodas co que se desprazaba perfectamente.

O aparello tiña un cestiño onde puña as cousas que quería levar con ela como un pequeno fouciño co que ía cortando algunhas malas herbas do traxecto ou mesmamente sempre traía calquera cousa da súa horta ou xardín.

Dunha volta veu cunha pequena oliveira que ela mesma plantou diante da galería do meu cuarto de traballo. A oliveira medrou e agora teño as súas polas diante miña mesmamente.

A miña muller, con razón, di de podala, pero eu gozo vendo o abaneo das súas ramas e como os paxariños se pousan e cantan a escasos metros de min. Incluso no meu cuarto toco moitas veces e eles semella que fan un contracanto coas miñas melodías. Esas pequenas cousiñas lémbrame á miña nai á que tanto quixen.