Castelao, das pólas ás raíces da árbore

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Castelao, retratado por Pacheco.
Castelao, retratado por Pacheco.

Miguel Anxo Seixas entrega o primeiro dos tres tomos da biografía do artista, político e escritor, no que pescuda sobre o seu entorno familiar e a súa formación autodidacta

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Como todas as figuras poliédricas, Castelao é obxecto de moitas interpretacións. Están o escritor, o artista, o político, que permiten lecturas distintas en función de cada unha destas facianas ou da súa combinación. Unhas percepcións que tamén varían segundo a posición ideolóxica ou temporal dende as que se achega á súa personalidade. Sen esquecer o que ficou oculto, dende un Castelao na intimidade ata trazos ou episodios dos que xa non hai pegada documental ou testemuñas vivas.

Porén, malia a proxección pública de Castelao, é moito o que se descoñece aínda dos seus avatares biográficos. Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960), vicepresidente da fundación que leva o nome do escritor, compárao cun iceberg, onde a meirande parte está mergullada baixo a superficie. Ou as raíces dunha árbore, que ocupan baixo terra igual dimensión que a súa parte visible. Un símil acaído para Castelao, xa que o seu tronco se despregou en numerosas pólas baixo cuxa sombra moitos atoparon e aínda atopan acubillo.

Pescudar niso que permanece oculto é o propósito da biografía da que Seixas vén de entregar o primeiro tomo, Castelao. Construtor da nación. 1886-1930 (Galaxia-Consorcio de Santiago), un proxecto monumental por extensión -o volume inicial ten 1.334 páxinas-, alcance e minuciosidade. Son moitas as preguntas que o biógrafo se formulou sobre no transcurso da súa investigación -«Como foi a infancia de Castelao? Como se sentiu na Pampa? Quen lle presentou a Virxinia [a súa dona]? Cal era a súa relación co fillo, como xogaba con el, que sentiu cando morreu?»-, ás que tratou de dar respostas probadas. Onde non, ficou o baleiro: «Preferín non especular», declara, aínda recoñecendo que con cada unha desas interrogantes inconclusas «habería para unha boa novela».

Nesta entrega, que se presenta nun acto o vindeiro día 6 en Santiago (Museo do Pobo, 19.30 horas) ese descenso ás raíces ofrece outro símil, o do exame da árbore xenealóxica, xa que o primeiro capítulo está dedicado a devanceiros e familiares. Castelao nace nun entorno humilde, neto de carpinteiro e fillo de redeiro, circunstancias nas que se enmarca a orientación autodidacta do futuro artista e político cara aos seus intereses. Eses límites nos recursos condicionan boa parte dos anos posteriores de Castelao, a quen unha tuberculose prexudica a visión. «Precisa ter unha praza fixa para sobrevivir e por iso se presenta a unhas oposicións de funcionario do Estado», relata Seixas. A escolla final faino elixir entre Cuenca e Pontevedra e, ao mudarse á cidade galega, entra en contacto coas Irmandades da Fala e con Alexandre Bóveda, encontros decisivos para a súa evolución política e persoal. 

A emigración e Europa

O biógrafo explica tamén como a estadía pontevedresa exerce outras influencias: «Alí aprende o que é un cacique, como funciona unha deputación». Como tamén terán unha ascendencia notable a súa experiencia migratoria e as viaxes formativas que realiza por Europa. «Na Pampa, porque non está en Buenos Aires, senón na Pampa seca, un lugar salvaxe, con gauchos e pistolas, Castelao sabe de primeira man o que é a soidade do emigrante», relata Seixas. Europa, pola súa banda, «ábrelle os ollos» e recolle nun diario -«un diario en galego, algo que ninguén fixera antes»- as súas impresións, consciente de que non todo o que ve pode trasladalo a un entorno galego. «O expresionismo, si, ten sentido. As máscaras, tamén, xa que non hai actores. Vai incorporando eses elementos e desenvolvendo a súa estética», explica o biógrafo.

Miguel Anxo Seixas, biógrafo de Castelao
Miguel Anxo Seixas, biógrafo de Castelao XOAN A. SOLER

Todos estes trazos desembocan na conformación dunha personalidade que Seixas considera a máis aberta e moderna dos seus contemporáneos, «moito máis que Risco ou Losada», exemplifica: «Alguén que cre de verdade no pobo e na democracia».

Alto, bondadoso, afable e valente

Das pescudas de Miguel Anxo Seixas Seoane van emerxendo trazos de Castelao que permiten un retrato a partir de calidades físicas e de carácter. «Era altísimo. Medía arredor de 1,80», describe o biógrafo, quen contextualiza esa talla en anos nos que a media de altura era moito menor que agora. «Sabemos tamén que tiña os ollos entre azuis e grises, coma os da nai», engade, antes de continuar: «Era alguén moi atraente. Tamén era alguén moi valente, malia as súas circunstancias, xa que naceu no seo dunha familia humilde, non rica. Pero nunca se amedrentou á hora de defender as súas ideas, a Galicia. Foi o máis político de todos os do seu grupo. Tamén era afable e, sobre todo, bondadoso. Temos testemuños de que cando exerceu como médico había pacientes aos que non lles cobraba e que a algúns mesmo os acolleu na casa. E cando a gripe do 18, na que morreron varios médicos, el insistiu en atender aos doentes».

Máis datos: mantiña unha relación moi agarimosa coa nai, mentres que o pai foi unha figura máis distante, algo no que influíu a súa ausencia de dez anos, iniciada xusto despois do nacemento de Castelao. A súa familia era relixiosa e devota, crente, e o Castelao neno chegou a ser monaguillo, acólito. O retrato complétase para ofrecer a imaxe de alguén cun alto sentido ético, que pelexaba por aquilo no que cría. 

Imaxe máis completa

Con todo, o propósito de Seixas Seoane non é o de facer unha haxiografía, senón o de seguir as pistas do documentos e testemuñas, para acadar esa imaxe de Castelao o máis completa posible. O historiador é consciente de que varias xeracións non tiveron acceso ao carácter máis político de Castelao por mor do franquismo, mentres que agora se corre o risco de sacralizalo de máis, obviando outras facetas.

Precisamente por iso Seixas cita a tradición británica da biografía -iniciada coa Vida de Samuel Johnson de Boswell-, que conxuga fondura e narración. E senta e amplía unhas bases sobre as que seguir construíndo. «Por exemplo, co meu traballo de Castelao hai material para outras biografías: de Otero Pedrayo xa habería un 20 % feito», conclúe.