O Cineclube Carballiño, medio século de imaxes

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Os cineastas Carlos Velo e Chano Piñeiro, en 1985, na segunda edición das Xornadas de Cine de Galicia, que acolleu a homenaxe ao veterano director ourensán afincado en México
Os cineastas Carlos Velo e Chano Piñeiro, en 1985, na segunda edición das Xornadas de Cine de Galicia, que acolleu a homenaxe ao veterano director ourensán afincado en México alfonso fumega

O 28 de febreiro de 1969 esta plataforma de axitación cultural iniciaba a súa actividade coa proxección do filme de Truffaut «Fahrenheit 451»

04 mar 2019 . Actualizado a las 13:40 h.

Cine Alameda. Logo dunhas verbas de apertura a cargo de Julio Castro, presidente do Cine Club Carballiño, tomou a palabra o coñecido xornalista e comentarista da sétima arte Arturo Lezcano. Referiuse aos obxectivos das entidades cineclubistas e falou da traxectoria e a obra de François Truffaut (e logo proxectouse a súa película Fahrenheit 451). Así quedou reflectido nas crónicas; era o 28 de febreiro de 1969 e botaba a andar unha entidade creada por un fato de mozos do Carballiño e que tiña como finalidade, entre outras, «contribuír ao melloramento da cultura cinematográfica, dos seus estudos históricos, da súa técnica e da súa arte». Non eran bos tempos, e a ilusión chegaba a onde non o facían os medios nin os permisos das autoridades. Títulos de Pasolini, Bergman, Ford, Lelouch, Kazan, Fellini, Wilder, Kubrick e moitos outros para uns primeiros anos de crise permanente e desexos de consolidar o proxecto.

En 1975 nacía a Semana de Cine do Carballiño e na novena edición (1983) acordábase a creación da Federación Galega de Cineclubes, que se constituiría ao seguinte ano en Vilagarcía. O punto de inflexión chegou en 1984, coa creación das Xornadas de Cine de Galicia da man do Cineclube Carballiño e a Xunta, daquela con Luís Álvarez Pousa como director xeral de Cultura. Unha primeira edición na que o novelista Manuel Puig (El beso de la mujer araña) foi un dos principais protagonistas. Na segunda convocatoria, 1985, a homenaxe a Carlos Velo foi a referencia ineludible que a vida converteu en cita histórica: foi a derradeira viaxe do director de Cartelle afincado en México, que finaba o 1 de marzo de 1988. En 1987 as Xornadas incorporaban o vídeo, e o cine galego foi de sempre unha das apostas das Xociviga. Moitos dos proxectos que se foron materializando en Galicia no sector audiovisual tiveron nos encontros ourensáns a súa xénese, mesmo a creación da Asociación Española de Historiadores del Cine.

E medio século despois o Cineclube Carballiño, o segundo máis veterano de Galicia logo do de Pontevedra, segue fiel ao seu compromiso coas proxeccións semanais no Auditorio Manuel María e ten organizado un ciclo especial con títulos emblemáticos dos últimos 50 anos. As Xociviga 2019 tamén lembrarán esta celebración.