Vida e morte de Man en vinte debuxos

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

carmen hermo

Carmen Hermo, comisaria da mostra permanente da Casa do Alemán en Camelle, retrata nunha secuencia visual muda a biografía e obra do singular artista

08 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A profundidade e a forza duns ollos azuis, capaces de furar páxinas de papel e o ríxido cartón da capa dun libro, son case a única nota de cor de Man de Camelle (Kalandraka), unha biografía singular do tamén singular artista alemán que recalou en Camelle. Carmen Hermo (A Coruña, 1967), investigadora e coñecedora da vida, morte e obra dun creador que hai tempo acadou categoría icónica, bota man dunha enganosa sinxeleza para retratar o seu biografado: con lapis e goma compuxo un relato en vinte imaxes -descontada a que abre o volume- que, a xeito case de cine mudo -ou de historietas xa clásicas como o Emigrantes de Shaun Tan- percorre o devalar vital de Manfred Gnädiger. Unha vida comprendida entre a rixidez cúbica da paisaxe urbana xermana da que Man fuxiu na procura da liberdade existencial e artística, e a mancha informe alagadiza do chapapote do Prestige que feriu de morte ao anacoreta de Camelle. Trátase dunha simplicidade enganosa porque o grafito do lapis introduce numerosas capas sutís, mentres que a ausencia de palabras permite que cada lectura encha ese baleiro coa proxección persoal que cadaquén tiña e ten do seu protagonista.

Mentres preparaba este libro, Hermo, tamén comisaria da exposición permanente da Casa do Alemán, decatouse de que cada persoa coa que falaba tiña unha imaxe de seu de Man. Este carácter poliédrico, sumado á súa pureza e autenticidade, era a materia prima para dar forma a un relato visual de quen xa fora obxecto de anteriores libros. Aí están o ensaio lírico e fotográfico de Xoán Abeleira -A pegada de Man-, a achega concibida para lectores mozos de Beatriz Maceda -Man. O alemán de Camelle- ou a novela máis ou menos canónica de Xerardo Quintiá, O viaxeiro radical.

A ausencia de palabras é un dos trazos máis significativos da proposta de Hermo. «Decidín contar esta historia a través dos debuxos», relatou a este xornal antes da presentación de Man de Camelle na pasada edición de Culturgal. «Non se trata só de que eu o conte, senón de que calquera persoa que o desexe poida formular a súa propia versión desta historia a través das ilustracións».

En realidade, texto si hai no libro, na forma dun limiar asinado por Antón Castro, un texto cuxo carácter ensaístico dota dunha profundidade maior do que podería suxerir a súa brevidade. Castro evoca o seu primeiro contacto con Man, en 1971, cando o futuro crítico e xestor cultural aínda era un adolescente. Relaciona as súas creacións coas de Schelling e Hölderlin, paradigmas do romanticismo, pero tamén con Joseph Beuys, «que consideraba a actividade artística como a elaboración da propia experiencia do sufrimento e da historia persoal». «Romántico e primitivo, era un autodidacta que gardaba baixo do piso móbil da fráxil e diminuta casa que habitaba, unha construción integrada na obra de arte total que el conseguiu facer a carón do mar».

Castro analiza o legado creador de Man -«A arte era un sentimento e a súa lectura, un estado de alma»- pero tamén explica o espírito que inspira o traballo de Hermo: «Fai non só o mellor retrato do artista na súa natureza, senón que tamén rende homenaxe a todos aqueles creadores, herdeiros do mauditisme, que habitan na periferia dos grandes circuítos da arte, a pesar da súa xenialidade».