«Ningunha comunidade foi no pasado inmóbil nin o é no presente»

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

El historiador gallego Núñez Seixas
El historiador gallego Núñez Seixas

Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC, dirixe «Historia mundial de España», un tomo que fai unha lectura plural do país a partir de 127 episodios

25 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Manoel Núñez Seixas (Ourense, 1966) regresa ás librerías por partida dobre. Faino con Suspiros de España (Crítica), no que, como di o seu subtítulo, aborda o nacionalismo español dende 1808, e tamén con Historia mundial de España (Destino), na que dirixe a un cento de especialistas que propoñen outro enfoque dende a análise de 127 episodios singulares, dende Atapuerca ata o proceso independentista catalán.

-Fronte a aquela historia na que se memorizaban as datas, aquí son máis ben puntos de acceso.

-A historia é máis do que unha sucesión de datas; non é tampouco unha recompilación de datos. Proponse neste volume organizar a historia de España (ou das Españas) a partir de datas que non necesariamente sinalan fitos sobranceiros ou puntos de inflexión, senón puntos de partida ou intres salientados que exemplifican tendencias, feitos, dinámicas ou dimensións relevantes da historia. Non se pretende configurar unha nova cronoloxía, senón utilizar esas datas, case, como escusas para tratar problemáticas máis amplas, interseccións entre as Españas e o mundo.

-O «mundial» do título pon a énfase na interacción e comunicación, entre os pobos do que a partir do século XV empezou a ser España e entre esas comunidades. Que vantaxes lles dá ese enfoque?

-Permítaseme un matiz importante. Non só se trata de comunicación, senón sobre todo de interacción, interinfluencia e osmose: das transferencias e interrelacións; e non se trata tanto da interacción entre as diversas comunidades que conformaron a comunidade política española en diversas épocas entre si, senón entre elas e co mundo exterior, próximo e remoto. As avantaxes? Fuxir dos relatos encadrados das historias nacionais, debater e relativizar as supostas excepcionalidades (ibéricas, hispánicas ou de calquera outra lugar), Non é a única posíbel, pero si pode constituír un ángulo diferente dende o que ollarmos a historia propia.

-Busca desmontar as lecturas esencialistas e inmobilistas de comunidades e nacións?

-Por suposto, iso vai implícito na ollada transnacional. Ningunha comunidade foi no pasado inmóbil, nin o é no presente; e os esencialismos tenden a subliñar as continuidades supostamente inmutábeis, mentres que a historia en si ha incidir nas mudanzas, e mais nas interrelacións.

-Esa achega propón unha realidade multicultural e plurinacional...

-Malia o título poder mover a certa confusión, e de que a primeira data se refire a Atapuerca, non se defende en ningún apartado unha concepción teleolóxica da historia de España como relato nacional, nin unha ecuación entre territorio e comunidade política moderna. Os conceptos de Hispania/España nacen moito máis tarde (conquista romana, Baixa Idade Media) e revisten significados moi variábeis, en absoluto equivalentes á nación española moderna. A comunidade política hispánica abrangue territorios múltiplos, na península ibérica, nas illas, alén os Pireneos, na América, África e Asia. Ora ben, que se faga unha lectura construtivista e plural das Españas non quere dicir que se faga unha lectura esencialista en senso contrario, isto é, tampouco non se parte de que Galicia, Cuba ou a Guinea teñan sido comunidades nacionais in pectore dende tempos remotos. A pluralidade atinxe a todos.

-Aquí atinxe tamén aos temas, non só as grandes xestas, senón o lecer ou o deporte. Que nos din esas cuestións máis cotiás?

-Os fitos históricos non só están feitos a partir de grandes acontecementos políticos, de guerras e tratados. Eventos que atinxen á vida cotiá, o comezo de migracións ou a aparición de obras determinadas, o voto feminino no 1932 ou a publicación da Carmen de Merimée... todos eses acontecementos marcaron tamén dimensións importantes do pasado español/hispánico. E han ter o seu lugar, tanto por conformar parte da memoria colectiva como por atinxir a dimensións non por menos visíbeis menos importantes da evolución histórica.

-Esforzáronse por analizar episodios pouco coñecidos ou pouco analizados. Podería poñer algún de exemplo?

-A entrada sobre as Luces e Faustino Chacón El incombustible, por exemplo (1803). A partir dun episodio case anecdótico, o exame dun embaucador que se facía pasar por resistente ao lume (no que se inspiraría anos despois Houdini) por unha comisión de expertos, exponse a difícil transición entre a relixión como criterio da verdade e a razón como guieiro da ciencia, e mais a relación entre a ciencia española e a francesa. Ou a entrada sobre Massiel e Eurovisión (1968), que non busca tratar de Massiel en si, senón dos aspectos relativos ás protestas do 1968, o seu eco na España, e os intentos do réxime franquista por ofrecer unha cultura xuvenil moderna, pero situada baixo a súa éxida.

«Se Galicia está no mundo é pola rota xacobea, a emigración e o galeguismo»

En Historia mundial de España Galicia aparece en textos sobre o Camiño de Santiago, Galeuzca ou o voo do Plus Ultra de Ramón Franco. «Aparecen mencións ás comunidades emigrantes, ás fronteiras galaico-portuguesas... Ora ben, se Galicia está no mundo é sobre todo grazas á rota xacobea, á emigración e aos anceios do galeguismo político por salientar a súa personalidade. Periférica, pero non marxinal», di Nuñez Seixas, quen non agochou os aspectos menos positivos da historia. «Aparecen en diversas épocas, dende as prácticas da violencia no imperio dos Austrias até as represións das revoltas de escravos no Caribe, as guerras de Marrocos ou o colonialismo no Sahara, pasando polas limitacións da Ilustración no século XVIII ou a brutalización da guerra carlista, por citarmos só algúns exemplos».

Pola súa banda, Suspiros de España é unha síntese divulgativa da historia do nacionalismo español dende comezos do século XIX até a actualidade. «Pártese dunha premisa: o nacionalismo español, entendido en senso amplo, como ideoloxía e cultura que sostén que España é unha nación (unha comunidade territorial titular da soberanía), sempre estivo aí. Atravesou diversas fases na contemporaneidade, asociouse a diferentes cosmovisións políticas, adoptou símbolos non sempre consensuados, e definiuse perante diversos outros, externos e internos. Dende comezos do século XX, talvez o outro interno máis importantes son os nacionalismos subestatais. A radicalización soberanista do catalanismo na segunda década do século XXI provocou un rexurdir visíbel dos sinais de identidade do nacionalismo español, pero tamén está a suscitar reacción e mutacións, e mesmo regresións neocentralistas. É un proceso cíclico: os nacionalismos de diferente signo retroaliméntanse».