As letras galegas, na encrucillada

R. G. A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Pedro F. Castelao (actual director de «Encrucillada»); Freixanes, presidente da RAG; Marisa Vidal (secretaria da revista); e Torres Queiruga, primeiro director da publicación
Pedro F. Castelao (actual director de «Encrucillada»); Freixanes, presidente da RAG; Marisa Vidal (secretaria da revista); e Torres Queiruga, primeiro director da publicación Ángel Manso

A Real Academia festexa os 40 anos da revista de pensamento cristián

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As máis de mil páxinas da monografía As Letras Galegas na Encrucillada recollen os artigos publicados desde 1977 sobre os persoeiros aos que a RAG lles dedicou o Día das Letras Galegas (desde López Ferreiro a Carlos Casares) e, nun segundo tomo, outros traballos sobre autores da literatura galega. A presentación da publicación, coa que Encrucillada celebra os seus 40 anos, tivo lugar na noite de onte na sede da Academia e na mesma participaron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o primeiro director da publicación, o académico Andrés Torres Queiruga; o actual director, Pedro F. Castelao; e a secretaria, Marisa Vidal. Queiruga lembrou o nacemento en 1977, no barrio de Canido, en Ferrol, da revista, que buscaba un diálogo entre a fe e a cultura e que tiña un compromiso «incondicional» coa lingua. Tamén dixo que Encrucillada non naceu por casualidade, «senón de estrita necesidade: a dun corpo social longamente amordazado, falado-falseado nun idioma alleo, emigrado de si mesmo, roto na súa intimidade, esgazada a súa trama social polo imposto -e ás veces interiorizado- turrar de tantas cordas de fantoche, que desde fóra decidían os camiños da política e do diñeiro, os da fala e os da escola, os da cultura e ata os do Evanxeo».

Os estudos que acompañan a monografía presentada onte amosan a ollada de 45 autores, entre eles varios membros de número da Academia como Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro ou Salvador García-Bodaño. Estas olladas están enfocadas, explica Castelao no limiar da publicación, desde unha perspectiva relixiosa entendida de maneira aberta, procurando «atender as liñas de forza que emerxen nas cuestións máis fondamente humanas» e, deste xeito, «situar ao lector ou lectora fronte aos misterios da vida nos mundos imaxinarios ou reais dos nosos creadores de literatura».

A presentación rematou coa actuación musical do dúo Fran e Marina.