Será a produción propia da tempada e ademais coproducirá catro pezas
28 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O Centro Dramático Galego (CDG) apostou polo equipo de Chévere, Premio Nacional do Teatro 2014, para saldar unha débeda histórica: a representación de Divinas palabras, de Valle-Inclán. Era a obra coa que a compañía pública quería abrir a súa actividade cando se fundou en 1984 e non puido ser ao non dispoñer dos dereitos para a súa tradución ao galego. Agora estrearase o 12 de abril con Xesús Ron na dirección e con Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés encabezando o elenco.
Será, ao igual que pasou coa produción de dúas pezas de Martes de Carnaval, trasladar á actualidade a obra do dramaturgo galego. «Imos afrontar o traballo sobre Valle cunha mirada limpa. Non compartimos esa mirada un pouco sacralizada que desde o teatro e a cultura española, e tamén a galega, se ten sobre Valle. Entón, cremos que podemos facer algo que, ao mellor, outra xente non faría, que é apropiarse con todas as consecuencias da obra de Valle. Non lle temos medo», afirmou Ron.
Aínda que esta produción será o eixo central da programación da tempada, que foi presentada onte, o CDG tamén participará, segundo anuncio a súa directora, Fefa Noia, na coprodución de catro montaxes de outras tantas compañías galegas: ButacaZero (#camiños), Pistacatro (Arnoia, Arnoia), Pablo Fidalgo (Anarquismos) e A Panadaría (Elisa e Marcela). «Apostamos por propostas relativamente novas, pero xa bastante sólidas», destacou a responsable da compañía pública.
Como novidade, porá en marcha un grupo de traballo no eido da dramaturxia. Para iso, farase unha selección de dez autores co fin de que reflexionen sobre a identidade galega. Entre elas, elixiranse tres para seren levadas a escena conxuntamente como nova produción propia do CDG. Terán continuidade as residencias no Salón Teatro, onde, o vindeiro ano, como novidade, haberá servizo de conciliación os domingos de funcións.
Petición de máis apoio
O acto tamén serviu para a reivindicación. O director teatral Xesús Ron reclamou un maior apoio para o CDG, co que a compañía Chévere non se cruzara dende 1989, de cara a revitalizalo ao atopalo nun estado «moi debilitado». Nese senso, fixo un chamamento para chegar a «un pacto para que represente a pluralidade, a riqueza, o vitalismo e a enorme calidade e proxección que ten o teatro galego actualmente». Tamén pediu un maior orzamento e un novo marco xurídico. «Agardamos que esta sexa a última produción propia que se fai con este entorno de precariedade e que Divinas palabras inaugure unha nova etapa do CDG», afirmou.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, aludiu á necesidade do compromiso de todos facendo un chamamento a un «aquelarre colectivo, porque se facemos unha guerra individualizada será difícil». Incidiu que o obxectivo final ten que ser facer chegar o teatro á xente, producións que se queiran ver. Nese senso, loou a programación deseñada.