A vizosa herdanza de Andrés do Barro

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ARCHIVO ALFREDO PARDO

O cancioneiro do artista, que mañá faría 70 anos, mantén intacta a súa capacidade de sedución e segue a ser un espello no que se miran as novas xeracións de músicos

30 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrés do Barro faría mañá 70 anos. Un significativo chanzo vital do que el ficou lonxe, falecido prematuramente o 22 de decembro de 1989, pouco despois de superar os 42. A morte poñía fin a unha deriva que o afastou por completo dos tempos de esplendor nos que, a finais do franquismo, acadou catro números un e tres discos de ouro cantando en galego. Son esas cancións as que forman unha herdanza que, a partir do progresivo interese que volveu suscitar Do Barro co cambio de século, recolleu unha nova xeración de músicos galegos, para interpretalas e como espello no que mirarse.

Despois dun período baixo o radar, o cancioneiro de Dobarro foi collendo pulo e experimentou unha atención crecente que culminou coa publicación no 2006 de Manifesto Dobarrista, un disco impulsado polo selo A Regueifa que reuniu arredor de trinta novos grupos pop que facían do galego o seu medio de expresión -The Homens, Ataque Escampe, Fanny +Alexander ou Galegoz, entre outros- e que evidenciaban a vixencia das composicións do cantante. O recompilatorio tamén serviu para que moitos oíntes comprobasen que había moito máis en Dobarro que os seus éxitos máis coñecidos -O tren, Teño saudade, Pandeirada, Corpiño xeitoso- e deste xeito redescubrían unha obra complexa e versátil.

Precisamente nestes dous trazos alicérzase a vixencia de Do Barro. Sen perder nunca o norte do pop, o cantante achegouse a sonoridades máis propias da canción de autor anglosaxona que á música lixeira que dominaba as listas de éxitos españolas nas que se coara sorprendendo a todos. Foi un compositor de gran sensibilidade que tiña na súa voz inconfundible a mellor canle para transmitir emocións, fosen a ledicia desatada de O tren ou San Antón ou a melancolía matizada de Rapaciña e Pois eu (esta última, malia o envoltorio musical aparentemente alegre). Nesas sonoridades non faltaban as da tradición galega, o que permitiu que Do Barro fose un dos pioneiros en acadar un folk-pop que o emparentan con outros artistas que extraían do seu patrimonio melodías que emparentar cos novos ventos xeracionais. Nomes como os de Bob Dylan, Tim Buckley ou Nick Drake, que son citados por Fernando Fernández Rego no primeiro libro biográfico sobre Do Barro, Saudade, cuxa aparición no 2015 testemuña que o interese polo artista non mingua. Esta achega escrita súmase ao documental O tren que me leva, dirixido por Anxo Fernández, con guión de Xavier Alcalá, e que, ademais do percorrido vital e os testemuños sobre o artista, inclúe na súa banda sonora catro temas inéditos da media ducia que Do Barro gravou en Madrid en torno a 1975.

Como todas as herdanzas, a de Andrés Do Barro contén agasallos pero tamén retos. As súas cancións e o exemplo de que era posible triunfar cantando en galego con toda naturalidade pertencen a esa primeira categoría. Pero precisamente no seu éxito atópase tamén un fito que aínda non foi posible revalidar na España da reinstaurada democracia. Agás exemplos máis distantes -Os Resentidos de Galicia caníbal- ou próximos -os éxitos en catalán de Manel-, non é esaxerado dicir que ningún artista español acadou o éxito de Do Barro con cancións noutra lingua distinta ao castelán. Un logro que aínda non foi superado.