Videopoemas: nova vida para a lírica

Autores como Xulio L. Valcárcel ou Diana Varela Puñal xa verten as súas creacións a Internet en formato audiovisual para achegalos a novos públicos

¿Tiempos para la lírica? ¿Se puede ser poeta en el S. XXI? Pode que a poesía non sexa o xénero literario máis de moda pero segue moi viva e adaptándose aos novos tempos

redacción / la voz

¿Que terían feito Mendinho ou Martín Códax de ter nacido nos tempos da Internet? Se cadra virarían nunha sorte de youtubers na procura de facer chegar as súas historias máis lonxe do que as viaxes dos trobadores acadaron nunca.

É algo que ten claro a escritora Diana Varela Puñal que decidiu transformar varias das composicións da súa última obra poética, Non, amor, en pequenas pezas audiovisuais. «Este é un libro moi musical, concibido dende o principio para o recitado. Compuxen os poemas baseándome no ritmo que escoitaba na miña cabeza. Os videopoemas permítenlle á xente escoitar ese recitado e iso serve para achegar á xente á poesía. Lela pode parecer difícil pero ninguén recea de oíla. Hai que atraer lectores. O mundo necesita xente á que lle gusten as artes».

Un argumentario moi semellante ao do escritor lucense Xulio Valcárcel. Autor consagrado na tinta e o papel, non dubidou en recorrer a este actual xeito de expresión para lle dar nova vida a algúns dos seus poemas. «É a maneira de achegarse á xente que non acode a unha librería nin a unha biblioteca pero que si accede a Internet, xente que traballa máis coa imaxe que coa palabra. A poesía foi primeiro un fenómeno oral, logo pasou á escrita e agora estamos nun momento no que é necesario usar as novas tecnoloxías».

Tanto Varela como Valcárcel acudiron ao coruñés Cristian Rola para verter os seus textos ao mundo audiovisual. «É unha persoa cunha gran sensibilidade artística. Non se limitou a plasmar en imaxes a literalidade dos textos senón que vai cara unha interpretación abstracta dos mesmos» explica a autora de Non, amor. «Á dimensión puramente literaria engádeselle a plástica e os poemas ganan outro efecto» puntualiza Valcárcel.

Reinterpretación

Rola explica que o máis complexo do proceso é, precisamente, a reinterpretación: «Es un proceso creativo en el que intentas dar tu visión pero sin desvirtuar la intención original del poeta y eso siempre te genera cierto temor. Por ejemplo, en Hora redonda, de Xulio Valcárcel, el poema me inspiraba una sensación de vacío que reforcé a través de la música que compuse. No es que la pieza hablara necesariamente de eso pero era lo que me pedía».

Coa voz dos seus autores e o universo audiovisual creado polo coruñés, os videopoemas chegan a un novo público a través de distintas canles. Publicados en YouTube, o autor de Casa última explica que mesmo cruzaron o Atlántico: «un escritor chileno comentoume que unha filla de galegos residente en Punta Arenas atopárase cos meus textos grazas a estes vídeos».

No caso de Diana Varela Puñal, un DVD cunha ducia de poemas foi o primeiro contacto co mercado de Non, amor. Hoxe luns presenta na Feira do Libro da Coruña o poemario completo editado por Medulia nun formato que inclúe a obra en papel e maila escolma audiovisual.

 

Votación
4 votos
Comentarios

Videopoemas: nova vida para a lírica