«Castelao foi en arte un depredador intelixente con moito talento»

Siro pide que os orixinais do «Álbum Nós» pasen a unha institución pública


redacción / la voz

Bo coñecedor da obra de Castelao, a quen leva dedicados moitos anos de estudo, Siro López (Ferrol, 1943) abordará mañá nas xornadas que a Universidade de Vigo dedica en Ourense ao intelectual galego as influencias de artistas estranxeiros na súa obra plástica, un aspecto pouco coñecido e que mesmo foi obxecto de discrepancias entre Valentín Paz Andrade e o propio Siro.

-Paz Andrade e vostede mantiveron un debate escrito sobre a influencia de Gulbransson en Castelao. ¿Onde radicaban as discrepancias?

-As influencias alleas na obra artística de Castelao non foron estudadas ata hoxe, aínda que Seoane en Castelao artista xa dixera que o carácter sintético dos seus deseños ten moito que ver co dos debuxantes da revista alemá Simplicissimus, sobre todo do noruegués Gulbransson. Eu abordei o tema no ano 1978, na revista Grial, cun traballo titulado Simplicissimus, Gulbransson e Castelao; un texto claramente eloxioso para o noso paisano, que, malia vivir lonxe dos grandes centros culturais e artísticos, coñeceu e seguiu o que se estaba a facer en Europa. Valentín Paz Andrade non o entendeu así e púxome a caldo no libro Castelao na luz e na sombra. Respondinlle a través de Grial, demostrando que eu tiña razón, e pediume desculpas, ante Díaz Pardo, en Pontevedra, nunha mesa redonda na que os tres falamos de Bagaría. Sorprendentemente, anos despois, en 1983, no catálogo da exposición feita polo ministerio de Cultura en homenaxe a Castelao, volveu a cuestionar esa influencia.

-¿Por que cre que acontece isto?

-Paz Andrade quería e admiraba tanto a Castelao, que lle pareceu que aceptar esa influencia era rebaixar o seu talento. O certo é que Gulbransson influíu nos máis dos debuxantes humoristas e caricaturistas europeos, e Bagaría sentíase orgulloso de que o relacionasen con el. Pero o descoñecemento de Paz Andrade tamén demostra que ou non lera a Seoane, ou tiña esquecido o que escribira.

-Cita a Gulbransson e Forain como os dous mestres que estudou e que aprendeu...

-Si, en Simplicissimus, Gulbransson e Castelao tamén tratei doutro gran humorista gráfico francés, Forain, a quen Castelao admirou polo acerto na redacción dos pés das viñetas. Gulbransson e Forain son os dous humoristas que máis lle interesaron e máis influíron na súa obra. O noruegués pola síntese da liña, e o francés pola síntese dos textos

-Define a Castelao como «un depredador moi intelixente e con gran talento, que soubo inspirarse ás veces, e facer seus outras, traballos alleos para presentalos mellorados», algo que facía Picasso.

-O meu próximo libro sairá en castelán co título Castelao en el arte europeo. Sairá en castelán porque a Castelao témolo que dar a coñecer fóra de Galicia. Neste libro estudo a Castelao como creador e como ensaísta en materia de arte, e, naturalmente, vou ás fontes onde bebeu. Eu escribín o texto orixinal en galego, e cando o tradutor rematou o seu traballo, díxome, sorprendido e magoado: «Pero, daquela, Castelao era un depredador». Eu respondinlle que, en arte, depredadores somos todos, e púxenlle como exemplo a Picasso, que debuxou como Ramón Casas e como Lautrec, superándoos aos dous. Con Castelao pasa o mesmo. Na plástica foi un depredador intelixente e con moito talento, que superou os modelos que lle serviron de inspiración.

-Tamén foi moi importante a influencia do cubano Barros para que Castelao chegase ao concepto da caricatura modernista. ¿En que consiste e cal é a importancia deste termo?

-Ese é un tema máis ensarillado, porque as dúas últimas partes da conferencia Humorismo. Dibuxo humorístico, Caricatura, valorada como o mellor ensaio de Castelao sobre arte, están tomadas do cubano Bernardo G. Barros, e non o cita. Non só nesa conferencia, senón nos máis dos escritos de Castelao sobre humor gráfico e caricatura, as ideas que manexa son de Barros, a quen nomea só unha vez; curiosamente, en Arte e galeguismo, para explicar con palabras súas que é a orixinalidade.

-¿Por qué cre que non o citou?

-Penso que Castelao estaba molesto por non aparecer no estudo que Barros fixo sobre a caricatura en España. Pero cando Barros fixo ese traballo era imposible que coñecese a Castelao. Foi mágoa que a prematura morte de Bernardo G. Barros non lle permitise coñecer a obra de Castelao, sobre todo o Álbum Nós, porque pasaría a ser afervoado admirador seu. E foi mágoa tamén, porque, de coñecerse, Castelao axudaría a Barros a perfeccionar o seu discurso sobre o humor gráfico e a caricatura, cousa que el fixo en varios escritos, incluído o da conferencia Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura.

-Ese é o tema da súa conferencia.

-Claro. Eu podo entender e xustificar este silencio e as coincidencias en viñetas de Cousas da vida, e estampas do Álbum Nós, dalgún Álbum de Guerra ou mesmo o cartel do Estatuto de Autonomía con outros debuxantes; pero o material que eu manexo, en mans de persoas malintencionadas, permitiríanlles acusar a Castelao de plaxiario. E non o foi, en absoluto.   

 

-¿Que legado del segue vixente?

-Na miña opinión, Castelao non foi xenial en nada, pero foi un creador de enorme talento, moi ben aproveitado. Non era novelista, pero fixo a mellor novela da súa xeración; non era autor teatral, pero fixo unha obra imperecedoira; non era narrador, pero Cousas e Retrincos son xoias da literatura galega e seríano de calquera literatura do mundo; as viñetas de Cousas da vida chegaron de tal xeito ao pobo, que «sonche cousas da vida por Castelao» se converteu nun dito na fala popular; o Álbum Nós podería figurar na máis selecta antoloxía das grandes obras do humor gráfico europeo; os álbums de guerra, malia estar feitos cando estaba case cego, son o mellor testemuño plástico do horror da Guerra Civil; os debuxos de negros, as cruces de pedra, Sempre en Galiza? Todo canto Castelao fixo ten grande calidade.

-¿Se tivese que escoller unha soa obra de Castelao, cal sería?

-O Álbum Nós. Por certo, coido chegado o momento de que os familiares da persoa que gardou os orixinais e non os devolveu, o fagan agora, cando celebramos varias efemérides de Castelao. Non poden seguir máis tempo en mans privadas. Que as depositen, anonimamente, no Museo de Pontevedra ou na Academia Galega, e todos lles quedaremos agradecidísimos.

siro lópez debuxante e humorista

«Castelao non foi xenial en nada, pero todo canto fixo ten grande calidade»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

«Castelao foi en arte un depredador intelixente con moito talento»