Os textos, moitos inéditos, vanse publicar en febreiro nunha antoloxía
27 ene 2014 . Actualizado a las 09:36 h.Ramón Torrado, o mestre rianxeiro que publicou en Casa da Gramática (revista escolar de Noia) o poema inédito de Rosalía de Castro Dinche o corazón na man, está a desempoar coas súas investigacións o patrimonio literario galego. Torrado xa publicara hai un ano no dixital Certo, de xeito tamén discreto, un artigo no que acreditaba o achado do libro Recuerdos de agosto, do poeta romántico compostelán Aurelio Aguirre (1833-1858).
«Puxérame sobre a pista Xosé Filgueira Valverde e atopei o manuscrito no Arquivo do Museo de Pontevedra», explica Torrado, cuxa especialidade é a literatura, especialmente a de Rosalía de Castro, e que investiga pola súa conta.
Aquel achado de Ramón Torrado perdeuse nas néboas do tempo e o manuscrito de Aguirre quedou sen publicar, ata que, o ano pasado, o editor Henrique Alvarellos recuperou o artigo nun blog de Internet. Pois ben, despois de varios meses de novas investigacións, a finais de febreiro vai ver a luz o libro Recuerdos de agosto. Obra poética 1850-1858, de Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago. «Xa está en máquinas -afirma Alvarellos-, é de tapa dura e ten 450 páxinas, co que vaise converter na obra de referencia sobre Aurelio Aguirre».
Dos 133 poemas que contén, máis de corenta pertencen a Poesías selectas, editado nos anos noventa por Biblioteca Gallega e que é o único texto publicado deste autor ata o de agora. Dos restantes, unha parte son froito da investigación de Alvarellos e o seu equipo, e outra, o libro completo achado por Torrado: Recuerdos de agosto.
Moito material perdido
«A obra que atopou Torrado ten uns corenta poemas, e aproximadamente a metade son inéditos, vanse publicar agora por primeira vez. O seu traballo ten un mérito enorme -concede Alvarellos- e grazas a iso demos nós con todo o demais de Aguirre, como as Poesías de D. A. A., que descubrimos na Real Academia Galega».
Aurelio Aguirre, que morreu con apenas 25 anos sendo xa un coñecido intelectual no seu tempo, non chegou a publicar en galego «e por iso a xente non lle deu a importancia debida e a súa obra está hoxe esquecida», destaca Alvarellos. Pero non para Ramón Torrado. «Aguirre tivo unha importancia fundamental na poesía de Rosalía, da que era moi amiga -expón o mestre rianxeiro-, ata o punto de que Negra sombra está inspirada nun poema del, titulado El murmullo de la olas».
O libro que sairá en febreiro vai incluír textos sobre a figura de Aguirre, a cargo de Olivia Rodríguez, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade da Coruña, e Xurxo Martínez, historiador na Universidade de Vigo.
Os achados de Torrado poñen a lupa sobre a cantidade de material que está perdido ou esquecido nas propias institucións de custodia, e que podería sacarse á luz se se investigase máis. «Non sabemos o que temos -razoa-. Teño vistas moitas cousas que están metidas en caixóns, e penso tamén que hai xente que ten espoliado bastante».
Respecto a Rosalía, este profesor do instituto A Cachada, de Boiro, bota en falta «unha gran biografía da escritora de Padrón, un texto de mil páxinas que aborde ben a súa vida e a súa obra. Paréceme rarísimo que non exista xa -agrega- e sería impensable nun autor coma Shakespeare, por exemplo».