Con Poniatowska en Fisterra

Francisco Fernández Naval

CULTURA

20 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Comprometida cos excluídos, a literatura de Elena Poniatowska describe a traxedia, denuncia o abandono, combate a corrupción. É a crónica dun tempo, elaborada dende perspectivas múltiples, ofrecendo a riqueza da ollada colectiva, amosando un todo que se alimenta da diversidade, tal como a vida. Cando Elena estivo en Galicia, para recibir o premio de escritora galega universal, outorgado pola AELG [Asociación de Escritores en Lingua Galega], Maribel e eu tivemos o privilexio de acompañala ata Fisterra. Polo camiño paramos a ver o dolmen de Pedra da Arca, en Baíñas, xa que nin ela, nin Felipe, o fillo que a acompañaba, viran nunca un exemplo de megalitismo atlántico. Emocionouse diante dese monumento fermoso, como se emocionou ao contemplar o horizonte inmenso que se ofrece dende o cabo da Fin da Terra.

Dous anos despois, estando nós en México, convidounos a xantar na súa casa. Falamos de literatura e de política. Ela estaba preocupada polo seu querido país e tamén pola saúde de Carlos Monsiváis, o amigo entrañable, a voz crítica de México, que falecería aquela mesma tarde. «¡Fisterra, el fin del mundo!», exclamou nun momento, lembrando aquela viaxe na que, e son palabras súas, Galicia lle ofreceu unha semana de repouso, unha magnolia ou unha camelia desas que aquí se alcanzan coa man e en México están tan afastadas da xente.