Xosé María Díaz Castro será o novo homenaxeado no Día das Letras Galegas

Camilo Franco A CORUÑA

CULTURA

Nacido en Parga, en 1914, é autor dun poemario considerado fundamental na lírica galega, «Nimbos»

21 jun 2013 . Actualizado a las 23:57 h.

Xosé María Díaz Castro será o autor quen se lle dedique o Día das Letras Galegas do 2014, segundo anunciou a Real Academia Galega trala sesión plenaria celebrada na tarde de onte. O poeta nado en Parga, Guitiriz, en 1914, e do que o vindeiro ano tamén se celebrará o centenario do seu nacemento, foi o escollido entre catro candidatos.

Autor dun único libro publicado, Nimbos, e dunha serie de poemas máis rescatados no seu día pola revista Dorna, Xosé María Díaz Castro é un escritor que, segundo explicou o presidente da RAG no anuncio desta elección, «é un poeta evidente, non é hermético». Na xustificación desta elección tamén indicou Alonso Montero que Díaz Castro é un poeta «telúrico, máis telúrico que paisaxista, aínda que algúns insistan máis nesta última definición».

Para Ramón Villares, académico e presidente do Consello da Cultura, é necesario ter en conta na traxectoria de Díaz Castro, ademais da poesía, «o seu traballo de tradución que, fóra do profesional, significou levar a outros idiomas a obra doutros poetas galegos». Neste sentido, engadiu Villares que a actitude do poeta que será protagonista no 2014 das Letras Galegas foi a dunha xeración que non só consideraba que calquera que comezase a escribir en galego «era un triunfo para a lingua, senón que tamén entendían a necesidade de chegar a outras linguas, eran sensibles á difusión internacional da cultura galega». Alonso Montero recordou no acto que se sinala a Díaz Castro como autor dun único libro, pero incidiu en que isto non impide celebrar a súa importancia porque, comentou, «habería tamén que descartar a San Juan de la Cruz como poeta pola brevidade da súa obra».

Para completar o perfil do autor, Alonso Montero explicou que o libro foi publicado en Galaxia, na colección Salnés, en 1961. A súa poesía «non pode ser considerada social nun momento en que era este xénero o preferido». O presidente da RAG explicou que uns meses despois, «na mesma colección e na mesma editorial publicouse un libro que escurecería a obra de Díaz Castro e tamén moita da poesía posterior, Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro». Montero defendeu, sen embargo, que a idea de Galicia estaba presente na obra do próximo protagonista das Letras Galegas e fixo referencia a un dos poemas deste libro, Penélope, do que aventurou que sería moi cantado durante o ano vindeiro, «como foi xa cantado recentemente nesta mesma academia», na presentación das actividades de conmemoración do centenario.