A pegada do gran heterodoxo

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O combativo autor impulsou a renovación da Academia a través de iniciativas como a posta en marcha da páxina web e o dicionario «on line»

26 feb 2013 . Actualizado a las 17:40 h.

Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) é un heterodoxo. Un personaxe incómodo. O presidente número 13 da Real Academia Galega é poliédrico. E os poliedros e as súas aristas non sempre acaban por encaixar no país. En Ferrín súmanse polo menos tres facetas que o fan singularmente incómodo en certas esferas: o seu talento poético irrebatible, a súa postura ideolóxica dentro do abano do nacionalismo galego e a súa posición institucional como presidente da Academia.

Os inicios

De Ourense a Vigo e Madrid. Este ourensán que fixo de Vigo a súa cidade desde 1955 é, por riba de todo, un escritor dotado dunha capacidade poética sen demasiados equivalentes no actual panorama das letras galegas. Empezou na Universidade de Santiago os seus estudos de Filoloxía Románica, que finalizou en Madrid, a cidade onde fundaría o grupo Brais Pinto en 1958, na mesma época na que publicaba eses primeiros textos, como Percival e outras historias, nos que xa apuntaba as coordenadas da súa literatura. Madrid foi unha cidade central na súa biografía, pois tamén foi alí onde participou en 1963 na fundación da primeira Unión do Povo Galego xunto a Reimundo Patiño e Xosé Antón Arjona.

O paso por Oxford

O encontro que nunca se produciu con Tolkien e C. S. Lewis. En 1961 cae pola Universidade de Oxford. «Tolkien era profesor alí e tomaba cervexas no mesmo bar ao que ía eu. Todas as tardiñas, ás sete, estaba alí con Carl S. Lewis e un bispo anglicano. Nós non sabiamos quen eran eses señores con pinta de catedráticos. Ata que, pasados os anos, volvo entrar alí e vexo na parede unhas fotos de clientes ilustres e vexo aqueles señores e debaixo os nomes: Tolkien, Carl S. Lewis...», lembraba recentemente o escritor.

A docencia

Profesor en Lugo e no Santa Irene de Vigo. De volta das súas viaxes por Europa, Ferrín centrouse na docencia. Aquel primeiro Día das Letras Galegas de 1963 sorprendeuno en Lugo, onde ensinaba no colexio Fingoi ata que, xa en 1965, foi nomeado catedrático de lingua e literatura española do Instituto Santa Irene de Vigo, onde ensinou os misterios das letras a varias xeracións de vigueses ata a súa xubilación no 2008.

A literatura

Un autor entre a pólvora e as magnolias. Ferrín está xa nos libros de texto e no canon da literatura galega por títulos esenciais do último medio século, como o seu poemario Con pólvora e magnolias, cume da súa aposta estética; a revisión mítica de Amor de Artur e Percival e outras historias; ou a reconstrución literaria do país nas prosas de Retorno a Tagen Ata ou O crepúsculo e as formigas. Desde 1990 foi proposto en varias ocasións para o Premio Nobel de Literatura por diversas institucións galegas, como a Asociación de Escritores en Lingua Galega ou o Pen Club de Galicia.

Premio Fernández Latorre

«Pola súa longa e fecunda traxectoria literaria». No 2010 obtivo o Premio Fernández Latorre, segundo a acta do xurado «pola súa longa e fecunda traxectoria literaria, que o ten convertido na figura fundamental das letras galegas do último medio século, non só pola súa faceta narrativa e poética, senón tamén pola súa vasta produción periodística e polos seus traballos de investigación e crítica».

Presidencia da Academia

Impulso do dicionario «on line». Académico desde o 2000 e presidente da Academia desde xaneiro do 2010, o seu mandato non remataba ata o inicio do 2014 e podía aspirar aínda á reelección, pero onte decidiu abandonar o cargo ante os ataques lanzados por un sector de académicos críticos que aspiran a relevalo á fronte da Academia. Nestes tres anos de presidencia sobresaen dous logros: a posta en marcha da nova web da institución, que incorpora un renovado dicionario de galego on line, e a dinamización que supuxo o Día das Letras Galegas dedicado no 2011 ao escritor Lois Pereiro, celebración que transcendeu os ámbitos habituais do festexo para abrirse a toda a sociedade. Durante o seu mandato tamén se executou unha remodelación de urxencia da sede da institución, na coruñesa rúa Tabernas, para protexer a valiosísima biblioteca e o arquivo, únicos no país. Outra das claves destes tres anos foi a constante reivindicación de Ferrín dun financiamento estable e xusto por parte do Goberno central e da Xunta.

Activismo político

Da UPG á FPG. A súa faceta máis polémica é sen dúbida a súa participación na escena política galega. Fundador da primeira UPG, foi durante anos o líder da FPG, unha formación nacionalista emprazada á esquerda do Bloque. Aínda que foi candidato nas súas listas durante anos, nesta etapa como presidente da Academia permaneceu nun plano secundario. O seu activismo levouno tres veces aos cárceres do franquismo nos anos sesenta e mesmo á clandestinidade en 1972.