Puxen o camión en marcha e manobrei para saír da dársena. Estaba algo intranquila con aquela mensaxe de Lolo. Esperaba que non significase un posible contratempo para os meus plans. O meu futuro estaba moi pendente da súa disposición e precisaba despexar as miñas dúbidas canto antes.
Polo demais, podía estar contenta, pois acababa de apalabrar portes e condicións cos clientes máis relevantes. Eles parecían satisfeitos coa resposta e versatilidade da miña empresa e eu aseguraba facturación nestes difíciles tempos de crise nos que o prezo do carburante se puxo imposible. A crise freaba significativamente o crecemento da empresa e esa cuestión tamén debía tela en conta á hora de tomar unha decisión. En poucos anos lograra crear e asentar unha empresa con cinco tráilers e varios empregados, pero o momento actual era moi delicado. O meu segredo residira na aplicación pioneira das novas tecnoloxías pero tamén no coñecemento directo, pois son a propietaria pero tamén son unha máis ao volante e asumo algunhas das rutas, o que me obriga a manterme en contacto coa realidade e ademais me permite aforrar soldos.
Podería deixar de viaxar, pero gústame. O camión dáche unha incrible sensación de liberdade. Cando conduzo sinto algo semellante ao que deben sentir os paxaros migratorios que cruzan a terra para atopar un novo fogar. Sempre fun unha muller inqueda, con moita gana de coñecer cousas novas, de experimentar, de sentir, de vivir e, claro, de soñar.
Non obstante, o propio camión parecía retarme a realizar un acareo sobre o meu futuro. Sentía que tiña que abrirse unha nova etapa na miña vida, pero os medos aflixíanme e, ademais, esa posibilidade non dependía só de min.
Cando saín da Illa de Arousa estaba preocupada polas chamadas e a mensaxe, así que decidín non determe en Vilaxoán. Antes de entrar na autovía, volvín marcar o número de Lolo, pero seguía ilocalizable. Non daba imaxinado cal podía ser o motivo polo que me chamaba con tal teimosía.
Lolo comezara a carreira cando eu estaba no penúltimo curso. Relacionábase moito coas miñas compañeiras e acabaramos sendo moi amigos. Ben, en realidade acabamos sendo máis que bos amigos. Mantivemos unha divertida relación de parella que esmoreceu porque eu tiña a necesidade de sentirme libre. Quizais como Celia Rivas. Non quería que o amor estivese por riba de min mesma. Porque, como dicía un poema de Lupe Gómez, se te enamoras, vaste e non volves. E eu quería volver. Quería estar comigo. E gozar de todo o que tiña arredor.
Non sei se o comprendeu. En todo caso, iso distanciounos. Mellor dito, el distanciouse de min. Creo que nunca chegou a entender o meu punto de vista. Pero eu son así. Tampouco David o entende, o mozo co que manteño a miña actual relación. David Souto é un home atractivo, forte, pero nin sequera estou namorada del. Xa que logo, cada vez poño máis distancia nas rutinas da nosa relación. Ten feitío de urbanita; parece deseñado por Ikea. Guapo, atractivo, un pouco danone, tecnolóxico, pero... punto final. Non ofrece máis. E eu tampouco estou para máis. Os meu soños son demasiado fermosos como para poñerlles cadeas con el.
Lolo, así e todo, foi moito máis na miña vida do que o é David. Hoxe continúa a ser un bo amigo. Unha persoa que na que sempre podes confiar. Cando lle propuxen que traballase para a miña empresa non me defraudou. Laboralmente, temos sintonía. E sempre foi un home tranquilo. Por iso me preocupaban tanto aquelas chamadas perdidas e a súa mensaxe de móbil.