O cuco Calixtino no niño do deán

La Voz

CULTURA

19 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

xiste algún ben cultural parecido a un ovo de cuco: está depositado en niño alleo. Este é o caso do Códice Calixtino, marabilla bibliográfica custodiada nun arquivo, o da Catedral compostelá, rexido outrora polo deán. A causa deste feito sería probablemente sinxela; quizais porque alí hai cámara acoirazada e non na biblioteca.

Pero o que agora interesa evidenciar é unha confusión constatable recentemente nas hemerotecas. Sorprendentemente, adscribiuse -nalgún caso- o Calixtino á categoría xurídico-cultural do patrimonio documental (competencia dos arquivos) cando debía integrarse na do bibliográfico (propio das bibliotecas).

Non parece que a confusión puidese vir das concomitancias existentes cos denominados códices diplomáticos dos arquivos (v. g. os tombos), nos que se copiaban documentos acreditativos de dereitos e obrigas; nin da proposición algo equívoca dunha archivistique des manuscrits (Ouy) vencellada á biblioteconomía.

O Calixtino pertence esencialmente aos feitos litúrxico e literario, como arquetipo dunha «compilación anónima de textos jacobeos» (Díaz y Díaz), e comparte cos códices diplomáticos o formato de libro manuscrito en que foron realizados.

Así pois, é parte do patrimonio bibliográfico español no que se inclúen as «obras literarias, históricas, [...] o artísticas de carácter unitario [...] en escritura manuscrita [...] de las que no conste la existencia de al menos tres ejemplares en las bibliotecas o servicios públicos» (LPHE).

Todo isto explica que a maioría das copias existentes do códice estean en bibliotecas: Biblioteca Nacional de España, Biblioteca Británica, etcétera.

Esta matización responde ao convencemento da necesidade de coñecer e definir con precisión o noso patrimonio cultural, para, despois, poder protexelo, gozalo e transmitilo ás xeracións futuras.