Fran Alonso gaña o XII Premio de Novela por Entregas de La Voz

Redacción / La Voz

CULTURA

Vitor Mejuto

A historia, ambientada en Vigo, será publicada en La Voz de Galicia durante o mes de agosto

19 jul 2012 . Actualizado a las 11:05 h.

A historia de dous personaxes marxinais e dunha camioneira acompañarán aos lectores de La Voz de Galicia ao longo do mes de agosto. Son os protagonistas da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, presentada baixo o lema A punta de pistola e cuxo autor resultou ser Fran Alonso. O fallo coñeceuse onte no transcurso dunha cea literaria celebrada nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.

A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un punto de encontro familiar para ver aos seus fillos, baixo tutela dos servizos sociais. Pero unha vez alí os secuestran e os levan a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida por Vigo e a súa contorna, narrada con axilidade e un pulso que recolle o ritmo das mellores persecucións cinematográficas.

De xeito alterno coa historia de O Varas e Rica a novela presenta a unha camioneira galega, que non só conduce o seu vehículo, senón tamén a súa empresa, e mesmo escribe un blog no que recolle as súas reflexións e pensamentos vitais. Esta segunda trama, máis intimista e repousada, supón un contrapunto ao ritmo de vertixe da fuxida e persecución da parella de delincuentes cos seus fillos, para confluír nun remate inesperado.

Alonso explicou, nada máis recoller o premio, como o suceso que lle inspirou a novela demostra que «a realidade, cando quere, pode ser máis inverosímil que a ficción», e que asumira o reto de converter aquela inverosimilitude nun relato literario verosímil. No seu discurso, o galardoado tamén recordou outra fonte de inspiración tirada da realidade, a galega Celia Rivas, que en 1932 se converteu na primeira muller camioneira de España. Para o seu autor, A punta de pistola é unha road movie de «ritmo trepidante», con vocación de «enganchar» ao lector, pero que tamén quere propoñer unha reflexión sobre a «desestruturación social», entre outros temas, e saudou unha iniciativa, a do premio e a dos Relatos de Verán, que «levan a literatura galega ata milleiros de fogares».

A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital ao longo do mes de agosto, ao ritmo dun capítulo por día, nas Páxinas Literarias. O galardón, co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, ten tamén unha dotación económica de 6.000 euros.