Moitos labores, só unha meta

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un Isaac cativo, co seu pai, o artista Camilo Díaz Baliño, en 1925.
Un Isaac cativo, co seu pai, o artista Camilo Díaz Baliño, en 1925.

Comezou como artista, fundou empresas, escribiu e non se xubilou

06 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

De tantas cousas como fixo, sería imposible encontrarlle un oficio a Isaac Díaz Pardo. Excepto que houbese un chamado ser galego. Foi pintor fillo de pintor e a súa precocidade quedou interrompida, como tantas cousas en Galicia, pola traxedia da Guerra Civil, que, no seu caso, ademais de ser colectiva, foi familiar: o seu pai, Camilo Díaz Baliño, foi fusilado polos franquistas pouco despois do alzamento. Desde aí, fuga, exilio en diversas variantes e reconstrución.

Díaz Pardo sentiuse herdeiro directo da xeración truncada polo franquismo e pensou que o único xeito de tapar as fendas é o traballo. Renunciou á primeira liña da actividade artística e buscou o xeito de facerlle o boca a boca a Galicia sen remilgos e con vistas ao que un país debe ser, máis ala da resignación e do folclore. Raiando os anos cincuenta comezou a traballar entre o deseño, a industria e a empresa. Nos sesenta contactaría con Luís Seoane e asumiría a tarefa da reconstrución.

A partir de aí todos os cometidos foron poucos e a lista dos seus labores e das institucións ligadas ao seu nome faise interminable: Cerámicas do Castro, Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, Museo Carlos Maside, Seminario de Estudos Galegos ou o Instituto Galego da Información. A posta en marcha do Grupo Sargadelos, coidando o proceso de deseño, elaboración e venda das pezas sen saír da empresa, foi o escaparate principal do seu traballo.