O humor negro de «Un cranio furado» compite nos Casares co drama de posguerra de «Memoria de Helena e María»
22 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Se a profesión escénica galega leva razón coas nominacións aos premios María Casares, as comedias, aínda que sexan de humor negro, seguen sendo favoritas sobre os dramas.
As dúas obras con máis opcións mañá no Teatro de Rosalía Castro están situadas en estremas diferentes dun suposto arco teatral. Un cranio furado (10 nominacións) é unha comedia tinxida de negro polo seu humor, procedente de Irlanda, que para o imaxinario escénico galego é como da casa. A outra, Memoria de Helena e María (7), volve sobre a guerra civil, a posguerra e as consecuencias directas de asuntos tan tremendos.
A terceira en discordia, As actas escuras (7), é unha homenaxe a destempo a Roberto Vidal Bolaño, que, nove anos despois de morto, aínda pode gañar o premio ao mellor autor. Ten en competencia a un discípulo declarado, Rubén Ruibal, e a Roberto Salgueiro.
A máis distancia está a auténtica terceira vía da temporada pasada. Life is a paripé (4) naceu para os garitos e o mesmo pode ser considerada un musical que un programa de televisión sen cámaras. Pero manda a comedia.
Tamén é comedia intensa o Volpone de Talía Teatro (4). De aquí para abaixo quedan as excepcións e poden resultar sorprendentes de entrada O sangue fai ruído (1), no seu día premiada co Nacional como texto. Ou as dúas únicas candidaturas para a revisión que Sarabela fixo do Don Hamlet de Cunqueiro, que, afortunadamente, non compite como mellor autor.