Paco del Riego

Benxamín Casal

CULTURA

29 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Non é posible relatar os avatares do renacemento cultural e político de Galicia no século XX sen facer extensa referencia a Francisco Fernández del Riego, dende os esperanzados anos da república, nos que a súa ricaz oratoria facía vibrar a mocidade galeguista, ata onte mesmo que como director da Fundación Penzol loitaba por conseguir o respecto para a lingua e a cultura galega.

Porque, en efecto, a inmensa actividade de Paco del Riego abrangueu moitos eidos na política e na cultura. Comezou na universidade dos anos trinta e no partido galeguista, seguiu aos poucos de rematar a Guerra Civil coa reconstrución do galeguismo, logo coa creación da editorial Galaxia e a Fundación Penzol. Ao seu carón estaban Ramón Piñeiro e Xaime Isla. Ambos constituíron un trío concertante sobre o que asentaron os alicerces dun novo rexurdimento. Eran amigos e estaban irmandados coas ideas galeguistas. Aínda que persoas moi diferentes non só esguellaron as fricións que das súas diferencias poderían derivarse, senón que as concertaron de tal xeito que, deviron en sinerxias a prol de Galicia.

De Lourenzá a Vigo, da terra de nacemento á do pasamento, en case cen anos de froitosa vida, nada en Galicia lle foi alleo. Explorouna, amouna e retratouna en fermosos apuntes paisaxísticos que teñen moito de oterianos. No seu amplo labor, unha feraz sementeira de artigos, libros e conferencias, tocou a oratoria, o periodismo, o ensaio, a novela, as memorias, a crítica literaria e deixounos obras tan sobranceiras como Galicia no espello, Diccionario de escritores galegos ou Historia da literatura galega.

Home disciplinado, constante e puntual no traballo e ao mesmo tempo entusiasta e optimista. Rexo, pulcro e coidado ata nos máis mínimos detalles. Xove de sorriso e de espírito. Celtista «enragé», pero tamén lector incansable. Gorentáballe a conversa diante de viños, manxares e puros habanos. Durante moitos anos membro da Real Academia Galega, foi o inspirador do Día das Letras Galegas e máis tarde presidente desa institución á que deu un xiro aperturista e iniciou a súa modernización. Practicamente ata os últimos momentos continuou o seu diario periplo vigués da Alameda á Porta do Sol, é dicir, da súa casa á Penzol, traballando ata o día do seu falecemento. Este foi Paco del Riego, un galeguista exemplar.