Hoxe celébrase o Día Internacional da Poesía, que mantén a hexemonía artística nas letras galegas
21 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O santoral laico sinala que hoxe é o Día Internacional da Poesía e que a lírica non debe facer ponte. A poesía en Galicia está en permanente estado de boas noticias porque non hai década que non viva un momento. A punto de rematar a década, as características da poesía máis recente en Galicia son o seu carácter máis individualista, menos culturalista, menos estetizante e máis preocupado nos problemas da sociedade.
O primeiro que sinalan algúns dos poetas de Galicia que roldan os trinta anos é que, a diferenza de xeracións anteriores, teñen «coordenadas grupais comúns, pero non coordenadas estéticas». Mario Regueira (Ferrol, 1979) sinala que esta é unha das grandes diferenzas con circunstancias poéticas anteriores, análise na que tamén coincide Daniel Salgado (Monterroso, 1981), engadindo que hai diferenzas argumentais e de enfoque e, aínda que advirte ter a mesma visión de conxunto da poesía galega que a que puido ter da francesa, cre que «as cousas máis interesantes son as que volve problematizar o colectivo e que o fan sen repetir as fórmulas anteriores, buscando enfrontarse a iso desde o seu enfoque particular».
Olalla Cociña (Viveiro, 1979) cre que hai varios tópicos en disolución sobre a poesía galega, aínda que en cada tópico «haxa algo de verdade». Primeiro rexeita a división «entre masculino e feminino para determinar un tipo ou outro de poesía». Asegura que a presenza feminina «na poesía galega é tan variada e diversa coma a masculina», pero tampouco percibe que haxa «un especial protagonismo das mulleres».
María Lado (Cee, 1979) asegura que queda demasiada «xente que identifica o galego co poético, de maneira que parece que o galego só valese para a poesía». Este é un tópico que, en moitos casos, segundo a poeta, vai ligado «a unha condición feminina da poesía que debe ser porque a identifican con Rosalía de Castro». Lado asegura que son tópicos que non teñen nada que ver coa letra do que se escribe e cre que hai chaves para entender o que sucede desde outra perspectiva. Sinala que agora «non somos moi adictos aos temas nin aos enfoques clásicos da poesía galega». Para O Leo, (Vigo, 1974), autor de Hai cu, a coincidencia entre os autores agora ten un carácter máis vital que literario. Explícao de maneira gráfica e irónica sinalando que a coincidencia «maior como grupo é que nos encontramos principalmente nos mesmos bares». Regueira coincide no diagnóstico e dálle outra elaboración ao sinalar que nos anos noventa «houbo unha intención de formar xeración que agora non hai».
Regueira apunta que os autores «estamos cerca uns dos outros pero en cuestións poéticas eu creo que temos pouca relación». Unha reflexión na que coinciden case todos os integrantes dese grupo que non é tal e que andan polos trinta anos.