Os enxeñeiros galegos impulsan o dicionario das telecomunicacións

M. Beceiro

CULTURA

Xavier Alcalá, director da enciclopedia, destaca que a iniciativa parte cun portal na web para futuras actualizacións

14 may 2008 . Actualizado a las 02:02 h.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) conmemorou en Santiago o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información coa presentación do Dicionario enciclopédico galego das TIC , que dirixe o enxeñeiro e escritor Xavier Alcalá. Neste proxecto traballan máis de trinta persoas e, segundo puxo de manifesto na presentación o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, «nace coa vocación de converterse no compendio documental de referencia que inclúa os termos e definicións conceptuais que expresen o amplo universo das TIC e da sociedade da información en Galicia».

Promovido polo COETG, en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións e a Real Academia Galega, a iniciativa responde ao interese da corporación que agrupa aos enxeñeiros galegos para que as comunidades profesionais, tecnolóxicas e empresariais, así como os alumnos e profesores de ensino medio e superior, «dispoñan de ferramentas lingüísticas que lles permitan expresar e entender na súa lingua propia todos os termos e conceptos que definen as TIC e a sociedade da información no país».

O director do proxecto lembrou como en 1972, traballando nunha empresa inglesa en Lisboa, empezou coas notas para un vocabulario técnico. «E agora -comentou Xavier Alcalá- vexo culminada a nosa ambición: un dicionario galego das TIC, cos termos e definicións conceptuais que expresen o universo das tecnoloxías da información e as telecomunicacións». O escritor comentou que «a situación das linguas románicas respecto do inglés é de subsidiaridade, que leva mesmo ao ridículo». O dicionario, en palabras de Alcalá, «parte cun portal na web, cun elemento telemático de baixo custo que permite centralizar as tarefas de administración, xestión e actualización das futuras edicións, o cal é garantía para o éxito do empeño».