UN INMENSO ROMPECABEZAS | Unha estructura con catro séculos de azarosa vida que só perdeu sete dos perto de oitenta sitiais que o integran

La Voz

SOBRADO

XURXO LOBATO

13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

En Sobrado dos Monxes gardaron as pezas que non utilizaron cando montaron alí o coro. Desmontalo levoulle ó equipo de Atlas dous meses, «porque houbo que facelo con moito coidado, ademais de identificar e numerar cada pezas para volver armalo, unha fase que nos levará tanto ou máis tempo». O magnífico conxunto contaba orixinariamente con 77 sitiais e seis voladizos ou partes que completaban a estructura, pero sen cadeiras nas que sentar. Só faltan sete, polo que en San Martín montarase con 70, e non poderán respectar enteiramente a conformación que tiña en orixen, con tres seccións en forma de U mirando cara o altar maior desde o medio da nave central da catedral, perto dos tubos do órgano. Nada é casual na estructura e distribución dos coros catedralicios, e menos nos desta época, na que o arcebispo, ou bispo no caso doutras catedrais, teñen un lugar central e destacado, absolutamente diferenciado dos sitiais altos que ocupan os coengos do Cabildo e dos da parte baixa, destinados á xerarquía do clero máis baixa. Complétase cos gardapós ornamentados que o rematán por riba, ademais do frontal da parte baixa que o pecha. A restauración empeza pola consolidación de pezas danadas, segue coa limpeza e a eliminación de elementos metálicos e remata coa desinsectación. A xenerosa e minuciosa aplicación do producto que acaba cos xilófagos (comedores de madeira) garante dez anos sen bichos. Pero sen descoidar o mantemento, porque como aclara Miguel Suárez, «non é o mesmo intervir nunha peza que vai estar nun espazo sen control ambiental, como é o caso, que noutra que vai para un museo con control ambiental».