Manuel Pérez Lorenzo: «Temos que rachar a barreira do público fiel e atraer xente»

SADA

MARCOS MÍGUEZ

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo busca chegar a máis xente coa vista posta nos máis novos

27 ene 2026 . Actualizado a las 11:47 h.

O traslado desde a Arxentina ata Sada, en 2008, dos restos de Ramón Suárez Picallo motivou a un grupo de sadenses a poñer en marcha un programa de actos para difundir a súa figura. Ese foi o xerme do que xurdiu a Asociación Cultural Irmán Suárez Picallo, unha entidade que dezaoito anos despois segue levando a cabo actividades culturais e de recuperación da memoria histórica democrática e que aspira, en palabras do seu presidente, Manuel Pérez Lorenzo (Sada, 1987), a «tratar de chegar a máis xente e, sobre todo, aos máis novos».

—Imaxino que será un reto nada doado.

—Conseguimos ter un público estable en moitos actos e actividades que programamos. pero o noso principal reto como asociación é rachar a barreira do noso público fiel e atraer xente que non nos coñece. É moi difícil chegar ás persoas menores de 40 anos, pero hai que intentalo.

—Que tipo de actividades ou proxectos teñen máis éxito?

—As exposicións teñen un maior calado a nivel social. Intentamos facelas de creación propia, sobre aspectos históricos e figuras relevantes, e cando se fan na rúa o alcance multiplícase. Tamén as nosas publicacións teñen moi boa acollida.

—A revista Areal é un dos vosos selos de identidade. É complicado sacar adiante un proxecto así?

—É moi complexo, pero axuda moito o feito de ter unha periodicidade marcada. É unha publicación semestral e entre un número e outro hai moito traballo: coordinación, revisión lingüística e de textos, xestión de colaboracións, a parte burocrática e as relacións coas Administracións… E todo iso son moitas horas de traballo voluntario de xente da asociación que ten tempo e capacidade.

—Acaban de publicar o número 31. Supoño que será un orgullo ver como o esforzo desinteresado ten o seu premio.

—Cada vez que sae un número é un orgullo, pero tamén é un peso enorme que te quitas de enriba (ri). Areal é unha publicación consolidada; hai moita xente que a demanda e tamén lugares onde se reparte que nola piden. Iso motiva para seguir adiante e para dedicarlle todo ese traballo e tempo que leva. Grazas a esa consolidación tamén xorden colaboracións e imos recibindo artigos de gran interese e moito nivel.

—O pazo de Meirás e o legado de Isaac Díaz Pardo son dous temas recorrentes. Queda moito por facer?

—Moitísimo. Sempre hai feitos de actualidade que os volven situar en primeira plana e condicionan as nosas actividades. A Díaz Pardo dedicóuselle este ano o Día das Artes e decidimos montar un programa cunha ducia de actos que practicamente cobre a actividade de todo o ano. Asumimos o compromiso de intentar poñer en valor o seu legado e a súa figura ante unha situación empresarial que o menospreza. Queda moito por facer. O legado de Isaac Díaz Pardo está en risco, en perigo de desaparecer.

—Con Meirás parece que se van dando pasos.

—Obviamente os avances son inmensos, pero falta a sentenza definitiva no Supremo e sen iso o proceso non está pechado. Hai visitas, pero só se pode acceder aos xardíns, ao vestíbulo, á capela e pouco máis. Queda por definir que se vai facer co pazo cando haxa esa sentenza firme. Como asociación temos a capacidade que temos, pero seguiremos, na medida das nosas posibilidades, movéndonos e preocupándonos para que o pazo de Meirás teña uns usos acaídos e apropiados co seu pasado e co que representa.

—Que balance fai do ano que acaba de rematar?

—O balance é positivo, pero somos conscientes de que sempre queda moito por facer. Hai propostas enriba da mesa que ás veces non saen por falta de tempo. É inevitable ter que pospoñer cousas e gustaríanos tamén chegar a públicos máis amplos e máis novos.