«De bello lucem»

Víctor. F. Freixanes VENTO NAS VELAS

SADA

María Pedreda

06 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 16 de setembro de 2016, coincidindo co 165 aniversario do nacemento de Emilia Pardo Bazán, un grupo de 32 persoas, entre elas varios xornalistas, accede ás dependencias das Torres de Meirás, no concello de Sada, acolléndose aos dereitos legais que para o caso recoñece a condición de BIC (Ben de Interese Cultural) que en decembro de 2008 publicara o Diario Oficial de Galicia: «Os propietarios, posuidores, etcétera do patrimonio (…) están obrigados a permitiren o acceso dos investigadores, logo de solicitude motivada, aos bens declarados ou catalogados». Era a culminación dunha serie de xestións realizadas por quen daquela era presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e mais a culminación, asemade, dun proceso de reivindicación para a devolución dese espazo histórico á cidadanía, iniciado anos antes polo propio concello de Sada. Tratábase, en definitiva, de recuperar Meirás non como unha doazón, senón como unha devolución, acto de xustiza histórica. A recente sentencia do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña, aínda considerando posibles reclamacións e contrademandas, abre un portelo a esperanza. De bello lucem, tal campa no lema da escritora: «a luz no medio de batalla».

Poucos meses despois a RAG asinaba unha serie de convenios, coa Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, para iniciar algo que certamente nos preocupa: o inventario e posterior catalogación da biblioteca de Emilia Pardo Bazán que aínda se conservaba nas Torres, coa idea de solicitar tamén para ela a condición de BIC e evitar desa maneira posibles espolios. A riqueza patrimonial non son só os edificios, igualmente os bens artísticos, intelectuais e inmateriais, e os libros son a memoria histórica, a crónica persoal e acaso mais íntima da escritora. Arredor de 11 mil volumes. Unha parte (7.423) recuperouse despois dun incendio en febreiro de 1978, resultado das xestións de Domingo García-Sabell e, posteriormente, de Xosé Ramón Barreiro Fernández, ambos os dous presidentes da RAG en distintas etapas. Mais quedan nas Torres 3.200 que cómpre identificar, inventariar e, chegado o momento, catalogar.

En 2005 publicouse un primeiro Catalogo da biblioteca de Emilia Pardo Bazán cos fondos actualmente dispoñibles na RAG, elaborado por Mercedes Fernández-Couto e Ana Menéndez, arquiveira e bibliotecaria da institución. Xulia Santiso Rolán, conservadora da Casa Museo da rúa Tabernas, capitaneou dende o primeiro momento o equipo de investigadores que lograron iniciar os traballos desta segunda xeira (22 intensas xornadas) a principios do ano 2017, traballos nos que participaron profesores e bolseiros das devanditas universidades. A realización final está pendente de pequenos axustes por parte das profesoras Cristina Patiño e Mar Novo Díaz. Será a ocasión de seguir deitando luz no medio da batalla.