Un microrrelato de premio

Miriam Couceiro gañou o certame cun texto sobre a violencia de xénero e a desescalada


A Coruña

«A friaxe breaba a miña faciana namentres corría. Tras o confinamento ao fin a desescalada e o atreverme a voar. Dentro de min unha procesión de verbas enloitadas dicíanme: corre.

Na mochila o único libro que lograra salvar.

Ao pasar por diante do camposanto vin aos mortos mirando para min e mentalmente pregunteilles: 'Que fago?'. O murmurio do vento, con recendo a piñeiro, respondeume: 'Fuxe'. Abrín o coche, arranquei sen mirar atrás e collín o celular. Marquei e agardei a escoitar a voz do outro lado:

-016, podemos axudala?»

Miriam Couceiro Castro asina este microrrelato co que gañou o concurso de expresión literaria en galego, aberto á participación de toda a comunidade que promoveu o Concello de Sada e que tiña que xirar ao redor da desescalada, o título da obra vencedora.

«Eu estou comezando a escribir, algo que me gustou dende sempre, e avisoume unha amiga da Rede Feminista de Sada», explica sobre como chegou a participar no certame. Nada en Ordes, ten 35 anos, estudou Socioloxía e vive dende hai anos na Coruña. Acudiu a unha concentración como repulsa á violencia de xénero en Sada, tirou unha foto, que é a que acompaña ao microrrelato, no que decidiu unir as dúas temáticas.

Recoñécese como persoa concienciada por eses temas e activista. Este ano Galaxia publicará o seu primeiro libro, un ensaio sobre as fontes do feminismo en Galicia. Di que a escrita é a súa paixón e que pretende dedicarse máis profesionalmente a ela. Ten como referente literaria a Ledicia Costas e comenta que «o difícil dos microrrelatos é contar algo en 100 palabriñas». Prefire o relato longo, pero admite que comezar gañando un certame «non está mal».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un microrrelato de premio