«Eu vendía 50 ou 60 quilos de polbo ao Hotel Maxi»

Elena Silveira
Elena Silveira OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

Este veciño de Santa Cruz lembra «os bos tempos» nos que os mariñeiros da zona se xuntaban na antiga cafetería

21 may 2013 . Actualizado a las 14:28 h.

Wenceslao Vázquez O Rubio (Cambre, 1947) foi moi novo para Sada a traballar no mar. Casou en Oleiros e xa hai máis de 30 anos que reside en Santa Cruz. Agora, cando pasa por diante do antigo Hotel Maxi, a punto de ser demolido, rememora os tempos nos que os mariñeiros de toda a bisbarra se xuntaban na cafetería destas instalacións ao anoitecer. Eran outros tempos.

-¿Dálle pena que tiren o hotel?

-Si que da, si. Amólame porque antes daba moita vida a Santa Cruz. Moita xente traballou nel: mulleres na limpeza, na cociña, na lavandería, camareiros... Está moi ben situado. A cafetería sempre tiña xente.

-¿Clientes do hotel?

-Había de todo. Recordo que antes de que pechara, xa hai anos, moitos mariñeiros viñan á noite a tomar un bocadillo ou un café. Viñan despois de largar as nasas e os aparellos en lanchas pequenas, que chegaban de todos os portos da bisbarra. Xuntabámonos alí porque era a cafetería de Santa Cruz que pechaba máis tarde.

-¿Vostede tamén?

-Eu téñolles vendido moito polbo. De cada vez lles vendía 50 ou 60 quilos de polbo. A verdade é que no seu tempo funcionou moi ben. Non so a cafetería senón tamén o restaurante para vodas. As instalacións parecen pequenas, pero é un bo solar. E na planta do soto había unha discoteca.

-¿Que tal o mercado do polbo agora?

-Eu tiña un barco en Lorbé. Xubileime hai un ano. Agora está todo arruinado. O consumo de peixe triplicouse, pero cada vez está máis barato mentres o custo que ten manter un barco é altísimo (as redes, o gasóleo, o persoal...) Agora non hai barco que lle saque ao polbo máis de 5 euros por quilo. E con iso non lle sacas beneficio.

-¿Coñeceu o hotel por dentro?

-A cociña. Alí había unha báscula de aceiro inoxidable onde pesaban o polbo. ¡Esa si que me gustaría tela levado para a casa!

Wenceslao vázquez mariÑeiro xubilado