Un home de sol

MIÑO

09 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin os mellores dicionarios galegos rexistran este sintagma, esta denominación, sobre a que eu veño alertando desde 1974. Certo que só se emprega, ata onde eu sei, no Ribeiro de Miño e que os máis curiosos lingüistas non a teñen atopado en ningunha das linguas románicas. É máis. O meu doutísimo amigo César Cunqueiro, que coñece non poucas palabras de bastantes linguas indoeuropeas, non ten, polo de agora, noticia de fenómeno lingüístico semellante.

Tal denominación protagoniza un episodio non irrelevante da miña biografía filolóxica na infancia. Eu, en agosto de 1938, neno de nove anos, fun con meu pai, en Ventosela (Ribadavia), esfollar unha viña pequenota que tiñamos á beira do Miño. Meu pai, afeito a ir ao traballo unha miguiña antes de romper o día, advertiume: «Dáte présa, Suso, que xa hai un home de sol». Eu, neofalante desde xaneiro do 38 (nacera en Vigo), non estaba moi posto no idioma galego e ignoraba a expresión «un home de sol», que meu pai, malia ser cidadán de poucas letras, explicoume de xeito que a entendín.

Había moi pouco que aparecera, por detrás da serra oriental máis próxima, o astro do día, e nese momento meu pai aclaroume que a distancia entre a parte inferior do disco solar e a crista da serra era equivalente á altura media dun varón, algo máis de metro e medio. Así percibían esa distancia, no seu maxín, as xentes campesiñas que, daquela e antes, non dispuñan de reloxo para citárense ás sete e dez, ás sete e vinte... Ían ao traballo ou á feira con medio home de sol, cun home de sol, con home e medio de sol, con dous homes de sol... tanto á mañá como antes do solpor.

Denominación á que aínda están alleos os lexicógrafos do país, xa ten o seu poeta, a súa poeta, Ánxela Gracián, que incluíu, no seu libro Paisaxes de pan (2022), o poema Home e medio de sol. Quizais este canto á singular expresión foi quen moveu a varios colectivos de Galicia a propoñeren, como palabra do ano, «un home de sol». Cónstame que se sumou á proposta, con entusiasmo, a Academia dos nomes enxebres, que dirixen, en Ventosela, Xan Centrón, Clodomiro Montero e Modesto Rodríguez.