«Estudo serbocroata para poder interpretar a música balcánica»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA / LA VOZ

ELLAS

CESAR QUIAN

Ten 15 años, é veciña dos Mallos e defínese como unha persoa «moi andróxina»

08 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Isma Kalo (A Coruña, 2004) é o nome artístico de Laura Marín, unha rapaza do barrio dos Mallos que é unha apaixonada da música balcánica. A quen lle importa? é a súa primeira composición en galego e con ela ven de gañar o concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña.

-A quen ía dirixido o tema gañador?

-E case unha canción autobiográfica. Fala da miña vida. Penso que nos centramos en cousas que realmente non teñen importancia, como o noso aspecto ou no que a xente pensa de nós.

-Co seu nome artístico xoga á posta coa ambigüidade?

-Son unha persoa moi andróxina. Ata hai nada, a xente me preguntaba se son un rapaz ou unha rapaza. E a quen lle importa, se todos os rapaces somos iguais.

-«A quen lle importa o teu xénero, a túa identidade», canta.

-E que nunca me rexín polos estándares do que é un home ou unha muller. Sempre fun unha persoa moi diversa.

-Tamén no musical?

-Si, claro. ¿Para que quedarme unicamente co rock ou coa música dos Balcáns, cando podo telo todo?

-De onde lle ven o seu interese pola cultura balcánica?

-Descubrín o idioma serbocroata cando era moi rapaza, cun programa que se chamaba El oso de la casa azul. Eu tiña 9 anos. Agora estudio serbocroata para poder interpretar a música balcánica.

-Sería a rariña de clase...

-Sempre me sentín un pouco así, porque con seis anos o meu grupo favorito era Simply Red. Tamén me gustaban Mecano ou Phil Collins. Pero nunca sentín que fose algo malo ter gustos únicos. Empecei a percibir iso logo.

-O dos Balcáns non creo que poida compartilo con moita xente

-Seino. Á miña nai fálolle todo o tempo dos Balcáns. A pobre escóitame porque é a miña nai pero non entende nada. [Ri]

-No Colón cantou: «Que si teño gustos raros / Non teño nin idea de política / Non sei o que me pasa nin o que me ten que pasar». Farta das etiquetas?

-Interésame moito a política, a de aquí e a de alá, a antiga Iugoslavia, o conflito de Kosovo... É un tema moi importante, gústame analizala, pero intento buscar fontes e vexo que é todo moi confuso. Dame rabia ter 15 anos, estou a punto de poder votar e non me sinto totalmente informada.

-Aínda así, ten bastante cousas claras para ter a idade que ten.

-Coa era de Internet, quen non sabe algo é porque non quere. Cando non estou coas matemáticas, estudio serbocroata ou vexo un documental.

-Pois na canción fala dun suspenso en Bioloxía.

-Foi en matemáticas, pero non quedaba ben na letra [ri]. Este trimestre si que as saquei!

O que di: A súa paixón:

O que di: «Cando no estou coas matemáticas, estudo serbocroata ou vexo un documental. Gústame estar informada», afirma Kalo.

A súa paixón: «Cando canto en serbocroata, e sobre todo o turbofolk, chego a un punto de satisfacción artística como nunca chegara na miña vida».

«Síntome máis de alá que de aquí. Os meus ídolos son os de alá, vexo os programas de alá»

É unha adolescente ateigada de inquietudes. Isma Kalo aprendeu a tocar a guitarra e o ukeleke a base de tutoriais de YouTube, onde ten a súa propia canle na que vai subindo as súas interpretacións. Cos 1.500 euros que gañou no concurso Quero cantar da Deputación vai comprar un teclado e un acordeón.

-Por que se presentou o concurso?

-Lendo a biografía dun dos meus cantantes favoritos de Macedonia, vin que con 15 años participou nun concurso, gañou e se disparou a súa carreira.

-Ata onde lle chega a súa paixón pola cultura balcánica?

-Eu síntome máis de alá que de aquí. Os meus ídolos son os de alá, vexo os programas de alá, miro as revistas de cotilleo de alá...

-Vive noutro país. Que lle din no instituto?

-Teño a sorte de que é un instituto pequeno, teño moi bos amigos e os meus profes xa me coñecen por iso. Non me tratan de estraña. Chámanme Kalo.

-E os idiomas abren as portas do mundo.

-A min estudar serbocroata axúdame a entender a cultura e o conflito de Iugoslavia. Como sete culturas tan diferentes puideron estar xuntas por 50 anos nun réxime comunista e logo unha guerra tremenda e como hai xente que segue a loitar por esa unidade. O de Cataluña comparado con iso é mel.

-Que planes ten agora?

-Quero estudar filoloxía eslava e buscar unha oportunidade en Serbia ou por alá.

-Dicía na canción que ten morriña do mar. Cal é seu?

-Aínda que nacín na Coruña, eu son de Baroña. Co mar sempre tiven unha atracción especial. Vivín en diferentes casas, pero o mar sempre estaba alí.