Pena Sueiro: «A primeira carta de Colón foi un best seller e a nova falsa máis rechamante é a vitoria da Armada Invencible»

CULLEREDO

A profesora de Literatura da UDC é comisaria dunha exposición na Biblioteca Nacional sobre os sucesos que se imprimían antes da existencia dos xornais

08 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nieves Pena Sueiro (Culleredo, 1969) é profesora de Literatura da UDC e comisaria, xunto a Adelaida Caro (xefa do Servizo de reserva impresa da Biblioteca Nacional), da mostra Noticias verdaderas, maravillosos prodigios. Relaciones de sucesos en la BNE y los orígenes del periodismo, aberta, ata o 12 de xuño, na Biblioteca Nacional. Ela impulsa agora a investigación posta en marcha pola catedrática Sagrario López Poza en 1994, dirixindo o proxecto Biblioteca Digital Siglo de Oro (Bidiso) xunto cun equipo multidisciplinar e en colaboración con Nieves R. Brisaboa, de Informática da UDC.

—De onde parte esa mostra?

—Do proxecto de intentar reunir todos os impresos protoxornalísticos que hai en case todas as bibliotecas con fondo histórico. Comezamos a construír unha base de datos, para facer un inventario, e ao tempo iámolos estudando e atopámonos con moitísimas sorpresas. Hai moito, e obras de autores como Cervantes ou Lope que escribiron este tipo de documentos.

—Como chegou aí?

—Animada pola miña tutora de tese, fixen un catálogo destas relacións de sucesos, que é como se chaman estes impresos protoperiodísticos, nas bibliotecas da provincia da Coruña. Ela logrou financiamento para investigar e en 2001 publicamos unha base de datos de libre acceso en Internet. Agora xa temos recollido 8.061 documentos de bibliotecas de todo o mundo. Conseguimos rescatar do esquecemento eses textos.

—Xa daquela a finalidade era informativa?

—Se había unha nova e interesaba mandábase á imprenta. A xente interesáballe estar informada e a mediados do século XVII xa se foi facendo periódica, o primeiro xornal oficial é de 1661, pero antes xerouse esa necesidade.

—Cal é o texto máis antigo?

—Dos publicados en España considérase que é a primeira Carta de Colón anunciando que descubriu un novo mundo, foi un best seller, pero antes xa se coñecen outros publicados en Alemaña. Maximiliano de Habsburgo coñecía o poder da imprenta e publicaba os seus logros. O que atopamos son novas falsas, é un dos máis rechamante é o da vitoria da Armada Invencible. As noticias que se tiñan eran todas de vitorias a pesar de que no século XVII había moitas derrotas, pero coma hoxe a primeira vítima das guerras é a verdade. Tamén eran moi habituais a publicación de nacemento de monstros en sitios afastados.

—A maioría dos textos non serían novas falsas?

—A maioría son de fazañas bélicas. Vitorias e o que hoxe serían noticias de sociedade. Estes impresos van cubrindo o que hoxe serían todas as novas dun xornal, dende informacións de internacional, nacional, sucesos...

—Estudan un longo período?

—Si, dende a aparición da imprenta ao primeiro xornal, uns dous séculos, pero o que chega a nós é unha ínfima parte. O máis habitual é que sexan de 2 a 8 follas, en papel malo e despois de ler xa deixa de ser importante e destínanse a outros usos. Polo que sabemos chegábanse a imprimir 1.500 exemplares e as veces chegan a nós 1 ou 5. O que se expón na mostra é basicamente o fondo da Biblioteca Nacional de España, que é unha das máis ricas neste tipo de documentos, ten unha colección de máis de 4.000 edicións. Nós fixemos unha selección de 156 pezas, que intentan ser representativas, e hai un apartado de como se pasou da prensa ocasional á periódica. Tamén se expoñen pezas do Museo do Prado e do Museo da Historia de Madrid que ilustran a mesma nova dun texto.

—Quen son os autores de eses textos?

—A maioría son anónimos, ata un 65 %, quen é importante é quen imprime. Pero afloran tamén nomes de literatos e incluso xornalistas, o máis coñecido foi Andrés de Almansa y Mendoza, que firma moitos destes textos.

—Dende o seu punto de vista cales son os máis curiosos?

—Novas como a da monxa Alférez, que se vestiu de home e enrolouse no exército, hai historias das máis extraordinarias como de violencias de xénero ou casos de corrupción que foron castigados (nada diferente a hoxe en día), ou a visita por sorpresa a Madrid do príncipe de Gales, da que hai moitos documentos.

—Cal é a achega principal do seu estudo?

—Por unha banda, estes textos forman parte da nosa cultura e da nosa historia. Coñecer o pasado serviría para evitar errores no presente ou no futuro, forma parte do noso patrimonio cultural e bibliográfico, e non o podemos deixar morrer. Hai temas que, como na prensa de hoxe en día, non se recollen en ningún outro sitio, a microhistoria non se recolle no libro de historia, onde só aparecen as grandes xestas. Cuestións tamén de léxico, palabras, obxectos ou que se vestía ou comía. No catálogo da exposición pode lerse, entre outros estudos, o realizado pola profesora da USC Mar Campos Souto (coordinadora do Diccionario Històrico da RAE), que recolle a riqueza lingüística deste textos. É incluso sirven para predecir o futuro, hai un profesor do Trinity College, que é matemático, que fixo un algoritmo para predecir coa aparición en prensa de determinadas palabras cando habería outra guerra.

—Cantos traballan no seu equipo?

—Dezasete persoas, aínda que da UDC somos oito. Facemos investigación ao mesmo tempo que nos ocupamos das clases e da xestión, xa que o peso burocrático cada vez é maior. Cada vez que buscamos financiamento por tres anos temos que facer unha memoria que pode ter 60 páxinas. E iso aínda que o financiamento sexa ínfimo, ao mellor 50.000 euros, incluíndo viaxes para todas estas persoas. Son cartos, pero é pouco e máis se pensamos como se financian proxectos de ciencias ou tecnoloxía. É ridículo.

—Cre que hai menos investimento en humanidades?

—Non é que o crea, e que se vas ao BOE pode comprobarse (os datos son públicos); hai estudos en ese sentido. As humanidades están infrafinanciadas, é un agravio comparativo tremendo. É certo que non necesitamos tanto aparato tecnolóxico como os laboratorios de ciencias, pero os desenvolvementos que teñen que ver con webs ou buscadores son carísimos. As veces vémonos mal para intentar conseguir que a tecnoloxía non se quede obsoleta.

—Entendo entón que a exposición é un logro.

—Si, e a colaboración coa Biblioteca Nacional, que é o arquivo da memoria máis importante do Estado, é importantísima. Logramos asinar un protocolo de colaboración do noso proxecto para o estudo e difusión dos seus fondos e danos a visibilidade, que non chegamos a conseguir ata agora. Si é certo que en foros especializados somos moi recoñecidos, pero para a sociedade non, e conseguimos por fin poñer en valor estes fondos e visibilizarnos. Creo que este convenio é importante para a Universidade da Coruña e tamén que a sociedade coñeza o que facemos.