A estación en A Coruña que queremos

Ethel Vázquez Mourelle TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA CIUDAD

30 may 2021 . Actualizado a las 23:22 h.

No paseo da Castellana de Madrid celebrouse o pasado martes un acontecemento discreto e, sen embargo, de enorme transcendencia para o futuro da Coruña. A estación intermodal, un soño que esta cidade alumeou hai xa máis de dez anos, deu por fin un paso decisivo para tornarse realidade.

A clave deste fito é sen dúbida, a colaboración institucional. A Xunta de Galicia, o Goberno de España e o Concello selamos, con luz e taquígrafos, o compromiso de facer xuntos un gran centro de transporte e situar A Coruña á altura das grandes cidades europeas.

Tomamos como referencia os convenios asinados no 2016, que fixeron posible que hoxe as estacións intermodais de Ourense e de Santiago estean en funcionamento, ao servizo dos veciños, dos seus visitantes e dos obxectivos da construción urbana.

É de xustiza poñer en valor o liderado do Goberno galego no impulso da estación intermodal da Coruña, cunha intervención que o tempo demostrou decisiva. No ano 2009, o alcalde Javier Losada e o ministro José Blanco asinaron un protocolo para desenvolver, sen intervención da Administración autonómica, un proxecto ambicioso que, sen embargo, nunca acadou nin sequera visos de materializarse.

A decisión do presidente Feijoo de implicar á Xunta fixo posible que hoxe Galicia se incorpore ao mapa da intermodalidade do transporte. Cómpre recoñecer e agradecer tamén o labor do persoal técnico autonómico, empeñado en sacar adiante este proxecto con auténtico tesón e superando moitos máis escollos do razoable.

Eles saben o que queda aínda por diante. O deber de todos é apurar ao máximo os trámites pendentes para culminar o traballo iniciado.

A estación intermodal é unha peza básica nesa Coruña que queremos: unha cidade máis limpa, humana e ordenada. Falamos de unificar as estacións de ferrocarril e autobuses nun único espazo que permita transbordar entre modos de transporte de forma áxil e segura, facilitando o acceso desde toda a área e a Costa da Morte ata o Eixo Atlántico ou a ese AVE que con tanta ansia agardamos. Tamén, de poñer en valor a contorna da Avenida do Ferrocarril e a da Sardiñeira e poñer á disposición dos veciños un aparcadoiro de 325 prazas.

Con ela, a Xunta reafirma a súa vontade de facer cidade na Coruña. Facemos cidade construíndo vivenda pública, construíndo un hospital público de futuro, o Novo Chuac, e construíndo un novo centro administrativo e social como o Espazo Amizar. Facemos cidade ao conseguir un compromiso coa conexión ferroviaria de punta Langosteira, e, tamén, ao poñer sobre a mesa a única alternativa para a recuperación da fachada marítima, garantindo a titularidade pública dos peiraos.

Unha cidade de feitos. Esa é A Coruña que queremos e pola que traballamos.