Galicia, testemuña do financiamento dun imperio

antonio méndez

A CORUÑA CIUDAD

Detalle do retrato de Carlos V pintado por Tiziano
Detalle do retrato de Carlos V pintado por Tiziano benito ordóñez

No 2020 fixéronse 500 anos das Cortes de Carlos V en Santiago e A Coruña, poucos meses antes de ser coroado en Aquisgrán

02 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Marzo de 1520, un rei chega a Galicia. Un monarca de ascendencia borgoñona de rostro pálido, nariz ganchuda e queixo prominente. Trazos que pintará Tiziano cando o novo soberano sexa o «Emperador da Cristiandade» e rexa sobre 28 millóns de súbditos.

Naquel momento, fala castelán con dificultade. Criado en Flandes, as súas linguas maternas son o francés e o flamengo. Na corte borgoñona, de gustos sibaritas e cunha bulideira vida social, recibe unha educación refinada, cun gran maxisterio espiritual e unha precoz formación política. De feito, sen saber andar, xa era duque de Luxemburgo e cabaleiro da Orden do Toisón de Ouro. Con seis anos acudía a actos oficiais.

El é Carlos I de España, un home nacido e criado para gobernar. En febreiro de 1520 convoca as Cortes de Castela que finalmente se reúnen entre finais de marzo e abril en Santiago de Compostela e A Coruña. Ten un obxectivo capital: Acadar financiamento para custear a súa elección como emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Pero, como era a Galicia que se atopou?

Galicia, marxinada e despoboada

No plano político, a Galicia de 1520 estaba «un pouco revolta», sinala o historiador Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago. «Á morte da raíña Católica, no 1504, houbo un retroceso no exercicio do poder real e suscitouse unha inestabilidade moi grande na coroa de Castela, á que pertencía Galicia», explica Saavedra.

Por outra parte, Galicia «estaba saíndo da crise baixomedieval, tanto no demográfico como no económico», explica a investigadora Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago. Contaba con moi pouca poboación: «Uns 350.000 habitantes, é dicir, un país case despoboado», apunta Saavedra. Os núcleos urbanos estaban escasamente desenvolvidos agás no litoral, que gozaba dun gran dinamismo comercial. O interior estaba moi ruralizado e escasamente desenvolvido industrialmente.

As urbes onde se celebraron as Cortes eran vilas pequenas e diferentes. «Santiago era un núcleo clerical no que o cabido catedralicio era a institución fundamental», salienta Ofelia Rey. Pola súa parte, A Coruña «era o porto máis importante do Noroeste, moi frecuentada por navíos que facían as viaxes do Atlántico Norte ao Sur e ao Mediterráneo e tiña unha pequena burguesía mercantil con aspiracións de aproveitar o novo mercado ultramarino», asegura a historiadora.

Xa que logo, existía un gran contraste do que estaba a acontecer no vello continente, que gozaba dunha gran actividade cultural, científica e relixiosa. Unha Europa que Carlos V quería dominar e as Cortes galegas foron o último chanzo antes do seu ascenso.

Unha decisión «extravagante»

Naquel momento, Galicia non posuía voto en Cortes e era a cidade de Zamora a que falaba en representación dos seus intereses. Xa que logo, «a convocatoria de Cortes en Galicia foi unha decisión accidental e extravagante porque o normal era que se celebrasen nunha cidade de Castela que tivese dereito a votar. Ademais, era un territorio retirado e mal comunicado», detalla Saavedra. As razóns do monarca español foron estratéxicas. Carlos V era consciente de que en Castela se estaba a xestar un gran descontento por mor das cargas fiscais e das súas continuas ausencias. En Galicia, a xuntanza provocaba que os procuradores estivesen afastados das cidades polo que estas non podían presionalos. Ademais, o rei castelán desexaba saír da Coruña cara á Europa coa ollada posta na súa coroación.

As Cortes reuníronse entre o 31 de marzo e o 4 de abril en Santiago e entre o 22 e 25 de abril na cidade herculina. En Compostela, celébranse no convento de San Francisco. Será en Santiago cando a nobreza galega e o clero encabezado polo arcebispo Fonseca reclamen, sen éxito, o voto para Galicia. Carlos V suspende as sesións o 4 de abril sen acadar o seu obxectivo de aprobar os impostos. As Cortes reanúdanse na Coruña, onde o futuro emperador alcanza o seu propósito: Unha ampla maioría dos representantes acepta o servizo real que lle permitirá conseguir os cartos necesarios coa fin de reembolsar os préstamos vencellados á elección imperial.

Posteriormente, o monarca embarca na Coruña o 20 de maio camiño de Europa. Será o preludio da súa coroación como emperador o 23 de outubro en Aquisgrán. Pero tamén, segundo indica Saavedra, as Cortes serán a «constatación da ruptura entre as cidades de Castela e o rei». Desembocarán na Guerra das Comunidades, que xa comezara a xestarse en Toledo. Unha revolta comunera que se estendeu polo reino castelán e que rexeitaba as demandas fiscais instauradas por Carlos V.

Supuxo tamén o limiar da Asemblea de Melide, unha xuntanza dos poderes seculares e eclesiásticos galegos o 4 de decembro de 1520. Saavedra salienta da reunión a «conxura dos señores galegos para garantir unha defensa conxunta ante posibles ataques e levantamentos campesiños ante a crise do poder real». Tamén se volveu solicitar o voto en Cortes para Galicia e o monarca respondeu á petición con ambigüidade. Finalmente, Galicia seguiría sen voto propio.