«Considero lírica e prosa coma dúas cordas que están trenzadas entre si»

r. garcía A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

O escritor asegura que as novas tecnoloxías son un excelente soporte literario

10 oct 2016 . Actualizado a las 21:35 h.

«Eu son Balbino. Un rapaz da aldea», inmortalizou Neira Vilas nas súas Memorias dun neno labrego. Por iso, non é raro que na obra gañadora do primeiro Premio Balbino, convocado pola empresa Técnicas & Gramaxe e que será publicado polo seu selo editorial, Edicións Fervenzas, o xurado salientase do gañador «a orixinalidade e modernidade dos seus relatos, onde o rural galego é ollado cunha visión plenamente actual». Trátase de Camiños na sombra, da que é autor Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997). O pasado venres este alumno de xornalismo da Complutense de Madrid recibía o premio na Casa Museo Casares Quiroga e coa presenza, entre outras persoas, do presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez.

-¿Ten algo que ver Casares Quiroga cos seus relatos?

-Se ben as obras non teñen nada que ver cun período histórico concreto, si que percorren a memoria, as vivencias, e con elas todo o que iso conleva coma factor sanador e reparador dunha narrativa e dunha sociedade no seu conxunto. A casa museo representa esa aliaxe simbólica entre memoria, cultura e afán de renovación das nosas letras ao que este libro quere achegar o seu gran de area

-¿De ónde ven a súa inquedanza por escribir cando a xente nova parece máis interesada nas tecnoloxías que na literatura?

-¿E por que teñen que ser inimigas? A tecnoloxía está a ser un soporte excelente para a literatura tanto contemporánea coma clásica. Grazas á difusión e o compartir cultura e coñecementos pola Rede moitos teñen acceso cun clic ao que antes atopábase engaiolado nun estante. A miña inquedanza por escribir ven polo mero xeito de narrar, plasmar a configuración da realidade, cos seus refugallos e as súas luces, noutra ben distinta, noutra propia do autor: esa intrahistoria das miles de historias. Gústame lembrar as palabras dun fotógrafo xaponés que dixo diante dunha cámara de televisión que un artista debe plasmar o seu traballo nalgún soporte porque, no caso contrario, toda a beleza que tería que comunicar e que mantivese retida dentro del pudriríao e mataríao por dentro. Morrer de sobredose de beleza?

-¿En que se inspirou para o libro?

-Aínda que lle pareza absurdo pola miña mocidade: na vida. Sempre fun observador, tentando captar esa intrahistoria da que lle falei antes e, en certa maneira, non hai unha senón incontables vías de inspiración. Un escritor vive e transpira da materia e do espírito que o envolve ou que quere que o envolva. Foi necesario facer memoria do amor, da familia, das anécdotas de amigas e amigos e, sobre todo, reflexión cun mesmo.

-¿Escribe noutros xéneros?

- Si, ademais de en prosa adoito escribir algo en verso. De feito estou a elaborar un poemario do cal selecciono unha escolla que vou publicando no meu perfil de Facebook. A comodidade ven segundo a tempada, pero considero lírica e prosa coma dúas cordas trenzadas entre si, para min sería imposible concibir a prosa sen a linguaxe poética e transgresora da poesía e, ao mesmo tempo, non podería concibir a poesía sen ter no seu corazón a narración de algo, sexa metafísico ou non.

-Estase a formar como xornalista, ¿vese máis nesa faceta que na de escritor?

-Nas dúas. Vivimos nunha realidade onde moi poucos poden vivir exclusivamente da escritura. Normalmente o oficio de escritor tende a ir da man doutro que moitas veces é o que, falando en prata, tira do carro e ata dos bois. Coma aclaración, dicir que non é o mesmo ser escritor ca xornalista, lembro as palabras dunha gran profesora da facultade que dicía que un xornalista é un «escritor que ten moita présa e pouco tempo».

-Á hora de publicar, ¿as novas promesas coma vostede teñen máis obstáculos ou máis facilidades?

-Nun plano xeral, moitísimo máis ca uns anos atrás; a sociedade está comezando a valorar con estes certames e estas publicacións o labor de moitos que, polo método tradicional da entrega dun manuscrito a unha editorial, xamais terían publicado nada. No tema dos obstáculos? Falando do mundo onde estou agora, o mundo académico, e opinando dende a perspectiva dun alumno, considero que estase a valorar dun xeito excesivo a memorística e o traballo en cadea, máis que a calidade e o factor crítico. E iso pode ser un obstáculo moi forte para unha mente creativa.

«A mocidade á que lle gusta escribir ten que quitar da cabeza o medo a equivocarse»

Alcayde confesa que é un escritor que lee de todo: «Se tivera que facer unha selección diría que Manuel Rivas, Carlos Casares, Blanco Amor, Lois Pereiro, Fernández Paz e Otero Pedrayo coma referentes da nosa terra. De alén escollería coma imprescindibles o Cela de Pascual Duarte, Luís Martín Santos, Miguel Delibes, Vargas Llosa, Andrea Camilleri, Roal Dahl e os contos de Cortázar». Non son as únicas fontes: «Un escritor moderno tamén bebe do cine, coma o dos irmáns Cohen, Hitchcock, Woody Allen ou Tarantino; bebe tamén do teatro, da danza, da música, dunha mera conversa? Un escritor é un ser cunha disciplina que bebe de moitas facetas».

-Con tantas lecturas, ¿como ve a literatura actual?

-É imposible aportar unha visión xeral dun mundo tan amplo e en constante cambio, pero si sinto certo recelo cara a un tipo de literatura rápida e comercial que están a vender hoxe unha sorte de falsos novos clásicos ou novelas explícitas e baleiras sen ningún tipo de atrevemento ou vangarda na súa visión. Pero non é a tónica xeral nin de menos, a miña xeración, a mocidade do século XXI, ten ao seu alcance unha excelente e nova remesa de escritores que, na lingua galega, teñen ganas de abrirse ao mundo, cada vez e con máis frecuencia en feminino.

-¿Que lle diría á mocidade á que lle gusta escribir e non se atreve a sacar á luz os seus textos?

-Hai que quitar da cabeza o erro a equivocarse. Que pensen que a beleza da súa obra, a súa visión, a súa historia sen máis apelidos, ten que ser compartida e lida. Estas oportunidades pasan voando.

-¿Algún proxecto literario?

-Ademais dun poemario estou con outro proxecto en prosa que aínda lle queda moito camiño.