Como se da corola dunha flor se tratase, o Creador aparecía todos os anos coas primeiras raiolas do sol de maio. Apenas pisaba o areal, e logo de ciscar as súas pertenzas en calquera recuncho, albiscaba a badía con xesto desafiante. Unha leve airexa, decote a lle rabuñar a longa cabeleira loira, dáballe o aspecto dun heroe nórdico. O seu, era un ritual de comuñón coa contorna. Avanzando de torso erguido, semellaba aprestarse para o inicio dunha gran batalla. A súa faciana, antes melancólica, íase contraendo nun aceno arriscado. Ao acadar a beira, e sen se importar polo frío cortante, irrompía entre os escumallos, deténdose na altura onde as pingas lle comezaban a salpicar o van. Entón, a súa figura esmirrada trocábase en éxtase, e contorcéndose nunha caste de arroutos súpetos, axiña golpeaba as sinuosidades das rompentes coa palma da man. Deste xeito, ou así o percibía el, as ondas, a cachiños, ían medrando ao ritmo dos seus impulsos, ora frenéticos, case espasmódicos, ora leves, tal se agarimase as siluetas dun corpo miúdo. Ao distinguir unha onda que se lle amosase ben grande, o Creador cesaba o seu remexer e agardaba o encontro. Satisfeito e desprecavido, deixábase arrebolar polo empurre da auga, e mergullándose uns intres, aparecía ao cabo na ourela, por pouco centrifugado, pero cun aceno aínda máis entusiasta. Logo dun anaco, a súa cute vermella pálida, algo tostada pola calor, pregábaselle nun ricto de tristura baixo os ollos verdes. Recompoñéndose, caía na conta de que a longura das ondas volvera minguar. Daquela, adoptaba de novo a dignidade de heroe nórdico e, enarborando os procederes da súa cerimonia, admirábase en verdade do seu poder, xa que o fluxo propio das mareas, ou tal vez a súa pericia, lle ían fornecendo a cada volta meirandes ondas. Así, do mediodía á noitiña, transcorría o verán do Creador. Era feliz. Na súa ilusión, era un xigante. Se cadra un tolo con arelas infantís, se cadra un heroe do Ragnarok perdido no senlleiro bastión de Hércules.
Tito Pérez Pérez (A Coruña, 30 anos) é teleoperador.