Mentres miro a Venus do espello lembro que alguén (seguramente Xulio) me ten contado que a modelo era unha amante de Filipe IV, a cal debeu posar en máis ocasións para os cadros de Velázquez, pois o mesmo rostro da deusa aparece no dunha Virxe pintada para o oratorio da raíña.

O certo é que non era raro que para as imaxes de santas e deusas olímpicas se recrutase a algunha das prostitutas que pululaban pola capital do reino naquela época (que alguén calculou en trinta mil, que xa é dicir), pois que as mulleres decentes non podían posar para ningún artista, a non ser por mor dalgún retrato ou casos moi concretos, como a Adoración dos Reis Magos, en que Velázquez botou man da súa familia, para pór de Virxe á súa esposa, dun dos reis ó sogro e de Neno Xesús á súa filla, segundo tamén me conta o amigo Xulio, despois de sorprendernos coa historia dunha prostituta coruñesa hogano venerada na Colexiata baixo a advocación de Nosa Señora do Portal. Ninguén se pode facer unha idea da multitude de homes e mulleres de vida licenciosa que, por un prato de caldo, eran capaces de estar horas e días en estatutaria posición para darlle rostro ás máis veneradas imaxes.

E sendo a mesma persoa a deusa espida e a virxe coroada, e sabendo que o pintor fixo a primeira para o relaxamento do monarca e a outra para o oratorio da raíña, un ten que preguntarse con que devoción rezaría a primeira dama diante da súa substituta no leito real. Hai que ver o mal que o pasaron as nosas primeiras damas por culpa da promiscuidade dos seus esposos, que ata lle metían o retrato da querida na capela onde comulgaban.

Volvendo a Xulio, comentareivos, antes de nada, que é moi amigo de provocar, e cando acompaña a algún forasteiro pola Coruña, chegando á Colexiata sempre di o mesmo: «Agora imos ver á miña prostituta preferida». Entra logo na igrexa e amósalle a imaxe de Nosa Señora do Portal. O escándalo está servido, e cando todos pensan que é un irreverente, el pásalle a culpa á mesma Igrexa, que de tanto mirar pola boa conduta das mulleres, de tanto recluílas para que a tentación non entrase nos seus apousentos, de tanto preocuparse porque gardasen o honor seu e dos seus esposos e prohibirlles exhibirse diante de ningún artista, acabou obrigando a crear unha función feminina alternativa baseada no desafogo sexual. E é incrible que para modelo das santas imaxes (agás moi raras excepcións), nunca se pensase nalgunha daquelas devotas damas de misal e rosario, que ó menos, quen rezase diante delas non ía ter dúbidas sobre a recta e piadosa conducta da modelo.

Aínda dentro da igrexa, Xulio acaba de xustificarse contando a lenda recollida por Carré Alvarellos, daquel escultor que tiña unha única filla a quen un cabaleiro caprichoso, as malas compañías e as tentacións do porto, poboado de rexos e aventureiros varóns, a levaron a unha desordenada vida nos calellos e nas tabernas portuarias, ata que despois de moito tempo arredada e esquecida da casa, arrepentida volveu a carón do pai implorando o seu perdón, e queixándose do mala que é a xente, e do mal que a trataron.E entón el, apiadado dela, porque un pai sempre perdoa, adiantoulle que toda a cidade, que tan mal a tratou, algún día habería de adorala. E así foi que, armado de maceta, cicel e punteiro, tomouna para modelo da Virxe.