O instituto da Coruña detrás do cambio do topónimo no Deportivo: «Hai que aproveitar o xenio da adolescencia»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

dieste.Os mestres detrás do proxecto. De esquerda a dereita, Alberto Pombo, director do centro e profesor de Lingua Galega; Arcadio González, xefe de estudos e profesor de Filosofía, e Mónica Reixía, vicedirectora e profesora de Física e Química do IES Rafael Dieste
Os mestres detrás do proxecto. De esquerda a dereita, Alberto Pombo, director do centro e profesor de Lingua Galega; Arcadio González, xefe de estudos e profesor de Filosofía, e Mónica Reixía, vicedirectora e profesora de Física e Química do IES Rafael Dieste Marcos Míguez

O Rafael Dieste, un centro público onde o 70 % dos alumnos son de orixe estranxeira, e que a RAG compara coas Irmandades da Fala, é o artífice de éxitos como que o Dépor agora sexa de A Coruña

02 jul 2026 . Actualizado a las 07:52 h.

Quen estableceu a comparativa foi o propio presidente da Real Academia Galega (RAG). Do instituto Rafael Dieste, en especial, do proxecto nacido nos seus corredores no 2023, Aquí tamén se fala, dixo Henrique Monteagudo que «retomou o facho que prenderon as Irmandades da Fala hai agora 110 anos». «A verdade é que chorei cando o lin», confesa a profesora de Física e Química e vicedirectora Mónica Reixía. Os recoñecementos non paran de chegar a este centro público onde o 70 % dos seus alumnos son de orixe migrante. No 2025 foron Premio da Cultura Galega pola Xunta e agora a RAG deulles o Premio na lingua que eu falo. O motivo, a iniciativa que un día argallaron tres mestres, Alberto Pombo, profesor de Lingua Galega e director; Arcadio González, xefe de estudos e mestre de Filosofía e a propia Mónica Reixía. «Aquí tamén se fala nace nas aulas de galego que imparte Alberto. Foi medrando como unha faísca que prende ata converterse nun movemento ao que se sumaron máis de 300 centros. Todo comezou cunha campaña para colocar carteis nos comercios co lema, visibilizando que na Coruña tamén se fala galego. Propuxemóslles aos alumnos colocar cen, pero consideraron que era poucos. Acabaron colocando mil», lembra Reixía.

Hoxe xa existen adhesivos oficiais coa frase que poden solicitar os centros a través da Secretaría Xeral da Lingua. Realizan entrevistas a artistas como Fillas de Cassandra, The Rapants ou Xabier Díaz, «obxectivo —di Reixía— é crear un arquivo audiovisual para o futuro da lingua» e organizar un festival de música que vai pola súa terceira edición. E, o máis importante, levaron ao galego á mocidade. «Desde o comezo tivemos claro que o galego debía ocupar espazos de prestixio. Para unha persoa adulta coma min pode selo o teatro, para un adolescente de 14 ou 15 anos son as redes sociais, a música e o audiovisual», defende a docente.

Concertos en Riazor

Un dos momentos que impulsou definitivamente a campaña, conta, «foi a mensaxe de apoio gravada por Viggo Mortensen, que se fixo moi viral e nos deu unha enorme visibilidade». Outro, que o Deportivo aceptase a súa proposta de facer una enquisa para mudar o topónimo. «Hoxe dicir Sangenjo xa é un meme. Pero tampouco case ninguén di La Coruña, polo que pensamos que era o momento de recuperar esa forma na identidade do club. Primeiro, recollemos apoios de centros educativos, institucións, excapitáns, xogadores e especialistas. Logo, solicitamos unha reunión co Deportivo, fixemos concertos e repartimos máis de 30.000 adhesivos ás portas do estadio. Finalmente, conseguiuse. Estamos moi orgullosos e esperamos que desde o equipo teñan un cariño cos rapaces», agarda Reixía.

Os alumnos do IES Rafal Dieste impulsaron a campaña para que o Deportivo recuperase o topónimo de A Coruña no seu nome oficial
Os alumnos do IES Rafal Dieste impulsaron a campaña para que o Deportivo recuperase o topónimo de A Coruña no seu nome oficial

Uns alumnos que son o motor de todo. Este pasado curso tiveron ata 35 nacionalidades. «Este proxecto demostra que os estereotipos os temos nós, cando dicimos iso de: ‘‘Háblale en castellano que es de fuera''. Eles viven aquí, forman parte desta sociedade e tamén son galegos. Viven a aprendizaxe como unha oportunidade. E fano con moita enerxía. Temos que aproveitar o xenio da adolescencia», reivindica a docente. Aquí tamén se fala non ten límites e seguen a preparar novos proxectos. «Só podo dicir que haberá sorpresas», promete.