Olaia Sendón indaga no urbanismo de Sardiñeiro «A casa de Lola de Andrés» será estreada a finais deste mes nunha vella fragua
16 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.?Non só as persoas morren. Tamén morren as odeas, as casas, os sentires, e en ocasións morren os sitios. A Costa da Morte é, hoxe por hoxe, máis morte que nunca. Morren os peixes, morren os barcos, e morre o entorno salvaxe mítico no que viviu a xente que tamén está a morrer». Estas palabras están escritas por Olaia Sendón Ogando, documentalista de 28 anos, profesora na escola de Imaxe e Son da Coruña, criada en Vigo, vivida na Coruña, pero con fondas raíces, tamén familiares, na Costa da Morte. En Fisterra, en Sardiñeiro. É nesta vila na que sitúa o seu traballo A casa de Lola de Andrés . Un documental de 34 minutos, elaborado ao longo de catro meses, no que reflexa como cambia Sardiñeiro por culpa da presión inmobiliaria. ¡Se mesmo xa mudou dende que rematou o traballo! A casa de Lola de Andrés é un paradigma desa muda. Era, porque xa non queda nada dela, e agora o seu sitio está ocupado por un enorme inmoble. Escolleuna porque, cando empezou a gravar demolicións e obras, fixouse nesa casiña, chamoulle a atención, e nese tempo, todo o mundo lle falaba da casa de Lola de Andrés, sen ela saber cal era. «¡E resultou ser a mesma! Son esas cousas que pasan», explica Olaia, abraiada. Así que decidiu que ese tiña que ser o nome deste traballo, no que ademais falan os veciños de Sardiñeiro, contando como era o pobo de antes, e vendo como vai quedando. A casa de Lola de Andrés será presentada en público, «nun acto con moitas sorpresas», o vindeiro 27 deste mes, ás oito do serán, na antiga fragua de Sardiñeiro, un lugar case máxico pese a ser un taller, no que o entrar «supón unha experiencia embriagadora», ao que acudía, ata fai 50 anos, o muxián Ramón Caamaño para proxectar cine. Ata alí volve Olaia co seu documental, primeira iniciativa dun proxecto máis amplo que se denomina A Costa Defunta . Nela desenvolveranse experiencias audiovisuais, gráficas e escritas sobre os cambios que se producen na Costa da Morte. Esta é a idea que a ampara: «A memoria esvaécese e o pasado non é máis que un eco no espazo que o acolleu. Hoxe, estes ecos dilúense nun espazo cambiante, vítima da salvaxe e irreversíbel especulación inmobiliaria. A Costa da Morte está á venda», sinala a autora na presentación da obra. E engade: «Baixo a fachada de prosperidade económica, o fenómenos inmobiliario agacha a emigración, a falla de industrias, a desestruturación económica e a especulación, perfilando un futuro no que os pobos se desartellan, e onde se promove un desprezo total ao contorno, un contorno que en certa medida é o que nos di quen somos». Pensa Olaia que hoxe xa é posible sentir a saudade na terra mesma.