ESO DO DESEÑO

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

ISAAC DÍAZ PARDO

10 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Con motivo dunha espléndida exposición de Verner Panton traída pola Fundación Barrié, o meu amigo Méndez Salgueiro, director de Escola de Deseño de Enxeñería Industrial da Universidade de A Coruña, organizou unha xornada de deseño que abarcou dende a moda ata a arquitectura, as formas e o motor. Eu tiven que andar polo medio, logo do da moda, ó carón de César Portela, que expuxo as ideas básico-históricas nas que apoiou as súas obras no camposanto de Fisterra e a carballeira de Lalín, construídas nunha canteiría rigorosa. Con este motivo recordei que o xeólogo Parga Pondal dicía que en tódolos camiños de Galiza se atopa canteiría, pedra morceña e xisto, rochas ás que César garda fidelidade, seguindo na súa utilización a tradición galega, que sempre se fixo en pedra. Pode que en ningunha outra cidade se teña construído tanto en canteiría como en Santiago. Como tiven que esbardallar logo dos que falaron da moda, que son os mellores teóricos neste campo, advertín que eu viña doutra época na que quen vestía ás mulleres chamábase modista e que vestía ós homes xastre, e tamén saíu a miña teima de percurar os antecedentes recordando que A Coruña tivo unha gran modista de alta costura, que tamén exerceu en Santiago e Bos Aires: María Miramontes; e un xastre intelectual de gran prestixio: Luis Huici. Mais hoxe non se chaman xastres e modistas, senón deseñadores de moda, é dicir: deseñadores do que configura un momento. E hai que significar que para Galicia esto da moda está sendo unha regalía. Polos datos que temos ningunha outra manufactura lle gaña en rendabilidade, se ben sempre hai que deducir a importación dos materiais que empregan as industrias para fixar a rendabilidade final para o país. Ó tocar o tema que me deron sobre as formas tiven que relembrar a importancia de Luís Seoane na creación de emprendementos e de todo, que se convenceron, baixo o selo ou carimbo do Laboratorio de Formas (LF). Se alguén se decide a ler o que ten escrito Seoane se decatará que en esencia todo o que fixo o LF perténcelle, sendo o seu ideario ter en conta o antecedente do histórico sen deixar de considerar o momento presente para o proxectar ó futuro. Se falamos de formas doces e macizas vemos nelas o carácter da alma románica que se descobre nas nosas formas medievais que ata hai pouco conservábanse na nosa vida rústica, malia o abandono secular que padeceu a nosa terra. O máis moderno dos nosos artistas e intelectuais, Luís Seoane, preocupouse por conservar e restaurar as nosas formas, e quen as reivindicaba: a cerna do movemento Nós, o movemento renovador da arte galega a partir de Castelao, o Seminario de Estudos Galegos, e finalmente todo o que tiña de constructivo a empresa ideal Ibáñez. Era un excepcional conservador do esencial das cousas. Os conservadores e restauradores de hoxe, en xeral, están máis ben a conservar astelas e paus intrascendentes cheos de caruncho. En canto á exposición de Verner Panton, motivo da xornada de deseño, compre significar o esforzo que representou a montaxe. Sería de agradecer situar a Panton no momento que traballou, el moi influído polo op-art de Vasarely, e as experiencias coetáneas de Max Bill, Maldonado, os movementos Menfis, Olivetti, Domos Ac, e na España o do Adi/Fad comandado por Antoni de Moragas, etcétera.