RAÚL VEIGA
04 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Que a publicidade é moi educativa non creo que ninguén ouse discutilo. Está probado que a exposición dos nenos ás súas mensaxes desde a primeira infancia fai que xa non sintan necesidade de ler. Coitadiños. É moita información a que xa lles entra na cabeza. Agora mesmo están as nosas rúas inzadas duns letreiros que valen unha enciclopedia. Lemos a reo: «O mundo arrédase perante un home que sabe a onde vai» ou «Irei a calquera sitio sempre que sexa cara adiante». Coma os carteis están pagados por unha empresa alcoholeira, non creo que os lemas fagan alusión ás actitudes do meu admirado alcalde da Coruña (a contracción obrígame a non poder darlle gusto co «l»). O que hai neses anuncios é unha moral. Porque, se de tirar para diante se trata, todo o mundo queda convertido en mero obstáculo ou, o que é peor, en inimigo. Hai que segui-la corrente que máis nos aquela, turrar e turrar, aínda que atrás quede un regueiro de desastres. O caso é seguir. Con moito poderío e rampante chulería. Cando eu era neno xogabamos un xogo perigoso nun campiño que daba a un terraplén. Había que ir andando ás cegas, un por un, ata parar o máis preto posible do precipicio. Gañaba o que ía máis lonxe. Algún compañeiro de meu acabou esnafrándose e bo foi que as silvas lle salvaron a cabeza. Eu, cando sentía próximo o límite, abría sempre un ollo. Non era cousa de rompe-la crisma. Agora xa hai poucos nenos a xogar nos campos. E igual lles cumpría para poderen saber que, diga o que diga Johnny, hai un sitio onde o mundo acaba e convén da-la volta. En Fisterra, talmente.