Crean un grupo de traballo en Xanrozo e un banco de sementes na biblioteca municipal
29 ene 2026 . Actualizado a las 10:21 h.Xanrozo, en Betanzos, será un dos tres espazos da provincia onde se levará a cabo o proxecto Tecelás da Terra, seleccionado este ano nos Premios Luísa Villalta, e que ten unha dobre vertente: poñer o foco nos saberes do campo que as mulleres se foron transmitindo ao longo dos anos e tamén trasladar á biblioteca municipal un banco de sementes para o intercambio e a xeración de novas comunidades.
Tania Merelas Iglesias, xunto a Raquel Teijeiro Veiga e Noelia Darriba García, son as tres educadoras sociais impulsoras dun proxecto no que defenden unha «mirada ecofeminista» ao mundo agrario e por iso propoñen catro xornadas de reunión para veciñas de Betanzos no centro social de Xanrozo os venres do mes de febreiro. Recoñecen que «as sementes son a escusa para chegar a coñecer a historia de como as conseguiron e do que as levou a sementar».
Aseguran que con esta aposta intentan coñecer como eran eses traballos, «recoñecer esa sabedoría, xa que a moitas lles custa recoñecerse como expertas, aínda que ocuparon un lugar importante» no desenvolvemento dun mundo agrario que hai que reivindicar.
Pretenden que estes «círculos de sementeira», como chaman ás reunións, sexan espazos lúdicos, dos que se poidan extraer técnicas para coidar as hortas e coñecer as variedades mellor adaptadas á terra e ao clima, nunhas xornadas que, sobre todo, buscan xerar comunidade nun territorio que aínda ten moitas ligazóns co mundo rural. As conclusións do logrado en Betanzos, como en Cedeira e Mañón, trasladaranse a unha web.
Á presentación asistiron o concelleiro Diego Fernández, que agradeceu que se fixasen en Xanrozo para esta proposta de «empoderamento feminino», e a deputada Soledad Agra, que recoñeceu que Tecelás da Terra, do que eloxiou que fora «replicable», combina «saberes tradicionais, culturais, coidados e fortalece as redes comunitarias».
