A cultura como dereito, unha política de fondo para a Deputación coruñesa
A CORUÑA
Natividade González destaca que é «un motor de transformación social»
16 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Cultura, cooperación e territorio son os tres piares sobre os que se constrúe a acción da Área de Cultura da Deputación da Coruña, dirixida pola deputada Natividade González. Explica que o seu departamento «non entende a cultura como un adorno, senón como un elemento de identidade e un motor de transformación social, de cohesión territorial e de progreso colectivo para toda a poboación da provincia». Desde esta convicción, trabállase en colaboración cos concellos, cos axentes culturais e coas creadoras e creadores «co obxectivo de garantir cultura en todos os concellos e para todas as persoas», abunda.
Esta filosofía toma forma dun xeito especialmente claro no programa A Cultura é un Dereito, que se converteu nos últimos anos nun dos eixos estruturais das políticas provinciais neste eido. Concibido como un espazo para o pensamento, o debate e a reflexión compartida, parte dunha idea sinxela pero contundente. «A cultura fai o que somos e, como tal, debe situarse no centro», resume González.
As xornadas monográficas de A Cultura é un Dereito naceron ao abeiro desta premisa. Desde a súa primeira edición, celebrada en 2018 no pazo de Mariñán, o programa foi abordando cuestións «que moitas veces quedan fóra do marco cultural máis establecido: a igualdade, a inclusión, a sustentabilidade, a relación entre cultura e saúde, a innovación cultural ligada ao territorio ou o papel das políticas culturais municipais», enumera a deputada.
«Estas xornadas son un camiño compartido entre profesionais, investigadoras e axentes culturais que coñecen de primeira man as particularidades de cada ámbito e que achegan propostas realistas e aplicables», sintetiza a deputada de Cultura.
As edicións máis recentes afondaron nesta liña. En 2025, as xornadas puxeron o foco, entre outros aspectos, no acceso á cultura e na inclusión como elementos centrais para garantir dereitos culturais efectivos, así como na relación entre arte, creación e territorio. Xa en xaneiro deste ano, abordouse o potencial educativo dos títeres e do teatro visual e de obxectos, reunindo profesionais da creación, da docencia e da investigación para reflexionar sobre como esa maxia que se produce entre a infancia e os obxectos animados pode converterse nunha ferramenta pedagóxica consciente e transformadora.
Ademais de xornadas, o pensamento que as alumea tamén está a producir materiais impresos que aspiran a «converterse en referentes sólidos no tocante ás políticas culturais en Galicia», vaticina Natividade González. Deste xeito, en 2023 viu a luz A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura, unha publicación que recompila e consolida boa parte das reflexións xeradas ao longo das primeiras edicións destes encontros.
Ese camiño editorial dá agora un novo paso coa publicación neste 2026 do Manual para políticas culturais transformadoras. 6 fases, 25 accións para fortalecer a cultura no teu concello. Editado pola Deputación da Coruña, o volume está pensado como unha guía práctica dirixida a persoal técnico, responsables públicos e axentes culturais, coa vontade de trasladar ao ámbito municipal ferramentas concretas para planificar, avaliar e impulsar proxectos culturais centrados no ben común e no dereito á cultura.
ORZAMENTO
12.838.950 €
O departamento de Cultura sobe este ano un 7 % o seu orzamento.
AXUDAS A ENTIDADES
4.678.000 €
Unha boa parte do orzamento vai a entidades que desenvolven actividade cultural e para investimento.
REDE CULTURAL
2.100.000 €
É unha das propostas estrela de Cultura.
OSG
1.560.000 €
A Deputación apoia economicamente a Orquestra Sinfónica de Galicia.
PREMIOS E CERTAMES
729.750 €
Cultura impulsa un bo número de recoñecementos e citas.
Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025. Cris Andina
A Rede Cultural contará en 2026 con máis de dous millóns para levar a cultura aos 93 concellos
Un ano máis, a Rede Cultural continúa a ser unha das «ferramentas centrais» da Deputación da Coruña para garantir o acceso á cultura en todo o territorio da provincia, reivindica Natividade González. En 2026 contará cun orzamento de algo máis de dous millóns de euros, «consolidando un modelo de cooperación cos concellos que permite programar actividades culturais de maneira estable» nos 93 municipios da provincia.
O prazo para que artistas, empresas e compañías inscribisen os seus espectáculos pechouse no mes de xaneiro, abrindo agora a fase de solicitude por parte dos concellos, que deberán seleccionar as actuacións entre o 6 e o 20 de marzo. A resolución de adxudicación comunicarase antes do 8 de abril no caso dos concellos e antes do 15 de maio no das entidades. Os espectáculos desenvolveranse ao longo de 2026 e ata o 31 de marzo de 2027.
A Deputación financiará entre un 30 e un 75 % do custo dos espectáculos, en función do número de habitantes de cada concello, «favorecendo así a igualdade de acceso á programación cultural, sexa cal for o tamaño dos municipios», indica a deputada.
Como en edicións anteriores, o catálogo estrutúrase en catro programas: Escena ao vivo!, centrado en espectáculos profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música; Visións, dedicado ao cinema e aos contidos audiovisuais; Lingua a Escena!, orientado á dinamización social da lingua galega a través de propostas escénicas e musicais; e Alicerce, que promove a participación de grupos non profesionais.
Neste último programa, ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura, «reforzando así o papel do tecido asociativo como axente activo da vida cultural local», conclúe Natividade González.
As Residencias Artísticas Mariñán reforzan 16 proxectos
As Residencias Artísticas Mariñán 2026 reforzan a aposta da Deputación da Coruña por unha política cultural centrada nos procesos creativos, na profesionalización e no acompañamento ás creadoras e creadores. Nesta edición seleccionaranse dezaseis proxectos que desenvolverán estadías de traballo no pazo de Mariñán, nos ámbitos da música, da literatura e do pensamento, así como na creación de contidos socioculturais en redes sociais, incorporando así novas formas de expresión e comunicación cultural.
A convocatoria diríxese a persoas maiores de idade con residencia en Galicia e cun compromiso explícito coa lingua galega como vehículo de creación e comunicación. O programa procura favorecer a innovación artística e cultural, ao tempo que establece pontes con outros axentes do sector e xera espazos de formación, intercambio e seguimento especializado.
As residencias desenvolveranse entre o 13 e o 24 de abril e inclúen aloxamento e espazos de traballo no pazo de Mariñán, un contorno que se consolida como lugar de referencia para a creación contemporánea. No caso das modalidades de música e de creación de contidos dixitais, prevese ademais unha dotación específica para cubrir necesidades técnicas vinculadas ao desenvolvemento dos proxectos.
Con este programa, «afianzamos unha liña de apoio sostido á creación artística, literaria, musical e dixital, apostando por modelos que entenden a cultura como dereito, como proceso e como ferramenta clave para fortalecer o tecido cultural e creativo do territorio», asegura a responsable da Área de Cultura.