Carlota Mosquera, directora e intérprete: «Aos 11 anos vivín unha voda e un enterro no mesmo día»

Alejandro García Chouciño
a. g. chouciño A CORUÑA

A CORUÑA

De izquierda a derecha: Sol Álvarez, Carlota Mosquera y Neicherman en el Teatro Rosalía de Castro, en A Coruña
De izquierda a derecha: Sol Álvarez, Carlota Mosquera y Neicherman en el Teatro Rosalía de Castro, en A Coruña ANGEL MANSO

O Teatro Rosalía de Castro de A Coruña acolle este venres a estrea mundial de «Ninguén tira fotos nos enterros», o debut de Carlota e Compañía

16 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Rosalía de Castro acolle esta noite, ás 20.30 horas, a estrea mundial de Ninguén tira fotos nos enterros, a primeira obra de Carlota e Compañía. Para Carlota Mosquera, directora, dramaturga e intérprete da peza, este momento supón «unha emoción moi grande», xa que se trata dun proxecto que leva madurando ao longo de tres anos.

A creadora explica que a peza comezou a fraguarse no Fiot de Carballo, no espazo Metro Cadrado, onde recibiu o premio á mellor interpretación. Posteriormente, un extracto do proxecto foi seleccionado e galardoado no festival Pezas dun teatro do porvir, convocado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no 2024. Ese percorrido permitiulle chegar agora á estrea dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, algo que define como «un camiño moi bonito e moi interesante».

Mosquera explica que a obra afonda na visión da morte na infancia «dende a tenrura, o humor e o teatro participativo», unha forma de facer escena que considera esencial: «O teatro que non apela ao público, que non interactúa, para min é difícil de facer e tamén de ver». Confesa que estrear no Rosalía de Castro a conmociona especialmente, xa que «só con miralo xa dan ganas de chorar polo bonito que é e pola historia que ten».

Ninguén tira fotos nos enterros marca ademais o debut de Carlota e Compañía, unha nova formación que, segundo explica, xorde de maneira natural tras máis dunha década de traxectoria nas artes escénicas. A súa relación co teatro comezou a través da fotografía, disciplina que segue moi presente no seu traballo. Mosquera insiste en que, malia levar o seu nome, é un proxecto profundamente colectivo. Defende o teatro como un traballo compartido e reivindica a importancia de construír en equipo fronte ao individualismo. Nesa liña, destaca a presenza en escena de Sol Álvarez, fotógrafa e artista visual, así como o labor de Nacho Martín (Neicherman) na iluminación, Marta Alonso Tejada na dirección de movemento e Neme Vázquez no vestiario. Destaca tamén o carácter lixeiro e práctico da escenografía, deseñada por Juan Ares «para caber integramente nun coche pequeno», unha decisión pensada para facilitar a xira e adaptarse aos recursos dispoñibles, compensados —di— cunha gran dose de imaxinación.

A historia parte dun feito real vivido pola propia Mosquera cando tiña 11 anos, ao asistir o mesmo día ao enterro da súa avoa e á voda dun curmán. «Foi o meu primeiro enterro e a miña primeira voda no mesmo día», lembra, nunha xornada na que tamén tivo por primeira vez unha cámara de fotos. A partir desa experiencia constrúe unha ficción que, aínda que se afasta do autobiográfico, «pode chegar a ser universal».

A creadora destaca que a obra provoca que o público fale das súas propias vivencias coa morte, un tema que considera silenciado: «É algo que nos atravesa moitísimo e do que non falamos». Por iso, a peza propón «abrir conversas incómodas», especialmente sobre como se lle fala da morte á infancia.

Mosquera desexa que o público saia do teatro cunha nova mirada e cunha idea clara: «Que se sente a falar cos nenos», defendendo o humor e a tenrura como ferramentas fundamentais para afrontar a perda.