«Será por flores», a nova xira de Uxía, estrearase nas festas de María Pita de A Coruña

Miguel Cebrián / R. S REDACCIÓN

A CORUÑA

<span lang= gl >Presentación da nova xira de Uxía, que actuará nas festas de María Pita</span>
Presentación da nova xira de Uxía, que actuará nas festas de María Pita Cedida

A cantareira de Mos actuará o 13 de agosto na praza de María Pita acompañada de artistas como Devacas, Mercedes Peón, Rosa Cedrón ou Budiño

07 ago 2025 . Actualizado a las 18:21 h.

O castelo de San Antón acolleu este mércores a presentación da nova xira de Uxía. Baixo o nome Será por flores, a cantareira de Mos percorrerá unha decena de escenarios galegos, facendo a súa estrea nas Festas de María Pita o 13 de agosto (22.00 horas), dentro do ciclo Noites de María Pita.

A praza de María Pita acollerá un espectáculo que evolucionará dende a intimidade ata o coral, cunha serie de convidadas especiais que marcaron o camiño artístico de Uxía. Sobre o escenario compartirán músicas e emocións artistas como Devacas, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Budiño, Uxía Pedreira, Luiz Caracol, Quim Farinha, As Mosas (Chus e Ana Senlle) e As Tareixas (Omara e Román). Máis ca un concerto, Será por flores é unha viaxe ás raíces galegas de Uxía, ás súas composicións propias e ás músicas que a inspiraron.

Cunha posta en escena coidada e innovadora, este espectáculo reflicte a evolución constante da artista, mantendo a súa liberdade creativa e explorando novas formas musicais e escénicas. A escenografía de Carlos Alonso, a iluminación de Daniel Juncal e o son de Tito Ledesma crearán un universo visual e sensorial que transformará o escenario nun xardín de música e poesía. Cada canción será unha flor que Uxía desvelará con coidado, convidando o público a mergullarse nunha experiencia inmersiva e chea de emocións. A dirección musical estará a cargo de Pablo Novoa, acompañado dunha banda de músicos cómplices da súa traxectoria: Sérgio Tannus (guitarra, cavaquiño, viola caipira), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión), Pablo Novoa (guitarra eléctrica barítono). 

Considerada a grande dama da música galega, Uxía leva catro décadas construíndo pontes entre a tradición e a modernidade, cunha voz inconfundible e un estilo que transcende fronteiras. Neste concerto, a artista repasa os grandes fitos da súa carreira, interpretando temas icónicos e compartindo escenario con amigas e compañeiras de viaxe musical.

Coa palabra como eixo central e unha fonda vinculación coa lusofonía, Uxía revisará os seus traballos máis emblemáticos, desde Enredadas e "Mulleres a viva voz" ata as súas colaboracións con NARF ou Malvela. Tamén haberá espazo para o seu compromiso coa memoria histórica, a través de referencias a Novoneyra, Lorca, Rosalía de Castro e o seu traballo en Nunca Máis.

Nesta ocasión especial, estará arroupada por artistas e amigos que compartiron con ela músicas e percorrido, nun directo na que lembrará os momentos máis especiais dunha traxectoria chea de emoción, irmandade e unión coa terra. Diversidade de voces e sons para festexar a andaina desta cantante. A posta en común con voces consolidadas e emerxentes «reforza o carácter colectivo e coidado que define a súa obra, sempre cun forte compromiso político e social», sinalan dende a organización.

A xira promete emocións, cunha posta en escena onde o público poderá gozar dunha proposta cargada de sensibilidade e celebración. Uxía quere así agradecer ao seu público o apoio incondicional ao longo dos anos.