A Mesa Pola Normalización Lingüística denuncia que unha empresa cobra por emitir textos en galego
A CORUÑA
A compañía coruñesa argumenta que a tradución é froito dunha discrepancia contractual previa e que o importe é polo tempo investido no traballo
28 jul 2025 . Actualizado a las 20:18 h.A Mesa Pola Normalización Lingüística, encargada de promover o uso do galego, denunciou este luns que a empresa coruñesa de prevención de riscos laborais Taprega cobra, presuntamente, por emitir textos en galego a través dun tradutor automático, a 9 céntimos por palabra, «tal e como lle indicou a outra firma que, como cliente, solicitou a documentación de prevención de riscos en galego», aseguraron os responsables da Mesa nun comunicado.
Tras recibir a queixa, a plataforma esixiu á empresa de maneira formal que as traducións á clientela galega fosen sen custo adicional, ademais de solicitar o cesamento desta práctica aos responsables da entidade. Segundo A Mesa, a empresa alegou que «a tradución integral de documentación técnica supón un servizo adicional que, na actualidade, non é obrigatorio por lei nin está incluído nas condicións estándar dos contratos», segundo a resposta que A Mesa tería recibido de Pablo Cobas, subdirector de Taprega.
A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, achegou ao respecto que «os consumidores teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando a contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no territorio da comunidade autónoma, así como nos supostos de publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas en Galicia». Ademais, segundo fixo saber A Mesa, Quintas asegurou que se trata dunha práctica «abusiva» e que non concorda co disposto na Lei 7/1998, do 13 de abril, sobre condicións xerais de contratación. «Tentar recobrar os honorarios dun tradutor xurado ou o uso dun tradutor automático constitúe unha conduta discriminatoria e delitiva», aseverou.
Discrepancias, según a empresa
Tras a denuncia á Mesa por parte do seu cliente, Cobas explicou que teñen clientes que falan os dous idiomas e que «nunca houbo problemas en entregar a documentación en castelán ou en galego no momento no que se formaliza o contrato». Sobre este problema concreto, o directivo de Taprega foi claro: «Esta empresa [o cliente] levaba con nós catro anos e sempre se fixo todo en castelán porque iso foi o que se acordou con ela. O problema está en que o noso contrato incluía a documentación en castelán e, cando nos dixeron que a querían toda en galego, dixémoslles que non podiamos asumir a tradución correcta de toda a documentación. Entón eles denunciáronnos á Mesa cando nós somos unha empresa de orixe galego que en 20 anos nunca tivo problema coa lingua», afirmou.
Según Cobas, o problema xorde tras unha discrepancia contractual entre as dúas partes que desemboca na discusión pola tradución. «Nós nunca nos negamos a facer as cousas en galego ou castelán. A cuestión é que se temos que traducir 200 follas, ese tempo de tradución non o podemos asumir no custo». Por outra banda, Cobas negou a utilización dun tradutor automático. «O que lles dixemos non foi iso. Lles dixemos que se querían unha tradución xurada o custo sería maior, e se, pola contra, querían unha tradución automática, tiña que figurar como tal e non como unha tradución boa». Sobre o custo pola tradución «boa» de 9 céntimos por palabra, admitiu que así era. «Máis ou menos». Cobas lamentou tamén as intencións dos denunciantes.