As sendas peonís medran na provincia da Coruña da man da Deputación

A. S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

A Deputación reformará 400 metros da avenida de entrada en Santa Cristina, no municipio de Oleiros, por 1,7 millóns de euros
A Deputación reformará 400 metros da avenida de entrada en Santa Cristina, no municipio de Oleiros, por 1,7 millóns de euros CESAR QUIAN

Vías e Obras incrementa o seu orzamento nun 20 % para o ano 2024

12 dic 2023 . Actualizado a las 17:34 h.

Case 2.100 quilómetros de estradas na provincia son de titularidade provincial, o que xera un importante gasto anual de mantemento e conservación á Deputación da Coruña. De feito, a área de Vías e Obras incrementouse este ano un 20,3 %, ata dispor dun xeneroso orzamento de 23,3 millóns de euros.

Algo máis da metade o consume o plan de conservación de estradas, con 12,6 millóns de euros, ao que hai que engadir outros catro millóns para a conservación, mantemento e obras urxentes nesta longa rede viaria, con tramos que a Deputación estuda ir transferindo a outras Administracións. Para iso contará cunha partida de preto de 1,4 millóns de euros. «O que facemos é ir arranxando estradas para llelas ceder aos concellos, principalmente nos tramos de travesía», sinala a deputada responsable de Vías e Obras e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

«Podemos clasificar as nosas estradas nunha rede estruturante, rede complementaria e unha rede local, deste xeito a nosa idea é levar a cabo un plan de transferencias segundo o demanden os concellos», sinala.

Só entre o 2015 e o 2023 a Deputación realizou 492 obras na rede provincial, investiu 93,8 millóns de euros, destinou outros 115,5 á conservación, e construíu 100 novos quilómetros de sendas peonís. De feito, a partida do plan de sendas acaba de medrar dun xeito importante ao pasar de 1.130.000 euros aos 1.725.000 do vindeiro ano. «O plan de sendas é moi importante para o desenvolvemento do rural, estamos a falar sempre de seguridade viaria pero temos que garantir a dos peóns nas estradas», indica Rodríguez Ordóñez, a primeira muller na historia de Deputación da Coruña en estar á fronte da área de Vías e Obras.

Para o vindeiro ano hai proxectos de importante calado, como a mellora da calzada da estrada que une Carballo e Santiago. Tamén no 2024 comezarán as obras de remodelación integral da avenida de Santa Cristina, no municipio de Oleiros, que suporán un investimento de 1,7 millóns de euros cos que se renovarán 400 metros da entrada principal a este transitada zona turística.

Tamén segue na axenda de Vías e Obras a mellora da DP-1105, que conecta Noia, Boiro e Lousame, onde a Deputación suma 1,5 millóns de euros para complementar a mellora integral dunha estrada que o presidente Valentín González Formoso definiu como «fundamental» para a vertebración das comunicacións na comarca do Barbanza.

O ente provincial mellorou a estrada Ares-Chanteiro, que permitiu dotar de beirarrúas e sendas peonís un tramo de 5 quilómetros, con conexións ata Ares e Redes.

Tamén é recente a senda de Centroña, en Pontedeume, onde se investiu máis dun millón de euros para unha senda de 3,1 quilómetros que conecta outra executada previamente en Miño.

En Negreira, a Deputación ultima as obras na estrada DP-5602 a Pontenafonso, con 2,5 millóns en dúas fases para a ampliación do viario e que culminará coa construción dunha nova ponte que eliminará o actual paso estreito.

A senda litoral que conecta Quenxe co faro Cee, en Corcubión, é outro dos grandes proxecto executados durante o pasado mandato. O proxecto permitiu facer unha senda segura de 6 quilómetros «con vistas espectaculares» sobre a ría de Corcubión. Dende a Deputación destacan tamén a reforma integral da estrada DP-9203 en Vimianzo, así como a mellora de seguridade viaria na estrada provincial que une Confurco e Orro, no municipio de Culleredo.

O novo reto da vía verde máis grande de Galicia: unir Santiago con A Coruña

A mobilidade sostible segue a ser un dos eixos de acción da Deputación da Coruña, que no anterior mandato puxo en marcha 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia, como os da senda ZEC que bordea o encoro de Cecebre ou a vía verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a maior de Galicia.

Agora está previsto acometer o tramo de vía verde entre Oroso e Santiago. A entidade provincial consignou medio millón de euros para iniciar un ambicioso proxecto antes do 2027, neste mesmo mandato: levar a vía verde ata Culleredo, co obxectivo de que se poida percorrer a distancia que separa A Coruña e Santiago a través das vías ciclistas da Deputación.

Inauguración da vía verde hai un ano no tramo de Cerceda
Inauguración da vía verde hai un ano no tramo de Cerceda ANA GARCÍA

O presidente Valentín González Formoso destacou que «facer este proxecto realidade é posible grazas á colaboración entre as diferentes Administracións, como son o Goberno de España, a Deputación e os concellos». «Santiago vai poder ofertar unha alternativa de turismo sostible coa creación desta senda, que ofrece unha sensibilidade co medio natural que hoxe é fundamental á hora de falar de turismo», sinalou o presidente da Deputación. «Na actualidade xa hai moitos negocios nos concellos polos que pasa esta vía verde que funcionan grazas á súa creación, que ven con moi bos ollos a continuidade deste proxecto», sinalou González Formoso, que confía en facer realidade a conexión ciclable de ambas cidades: «En poucos anos vai ser posible percorrer a distancia que separa A Coruña de Santiago a través da vía verde».

O Plan de Sostenibilidade Turística da vía verde Compostela-Tambre-Lengüelle é un dos catro proxectos que se impulsan desde a Deputación da Coruña, que involucran a 22 concellos da provincia cun investimento próximo aos seis millóns de euros a través de fondos de Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

O proxecto da vía verde inclúe, entre outras accións, a instalación de fontes e puntos de autorreparación de bicicletas, a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, con instalación de pérgolas axardinadas, un plan de impulso aos feiróns e mercados de produtos locais, a elaboración dun mapa virtual con recursos vinculados ao turismo gastronómico e desenvolvemento de aplicacións dixitais para dar a coñecer a historia, a arte e a gastronomía da zona e un plan de formación para empresarios do sector da hostalaría e o turismo.