María García, voceira da Marea na Coruña: «Volve o vazquismo e goberna para as elites»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A CORUÑA

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Denuncia que hai áreas «descalabradas» no goberno de Inés Rey e pídelle que corrixa o rumbo «de dereitas» que adoptou

18 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

María García (A Coruña, 1978) foi concelleira de Medio Ambiente do 2015 ao 2019 e agora é voceira da Marea Atlántica. No seu balance de mandato, convida a Inés Rey a volver á senda progresista.

-Por que debe xirar?

-Vemos unha evolución, e non é para ben. Das eleccións do 2019 saíu unha maioría progresista ampla que debía seguir coas políticas en favor das maiorías. Pero Inés Rey con pandemia ou sen ela, decidiu emprender unha viaxe a políticas de dereitas. Non se limita solo a incorporar unha tránsfuga de Ciudadanos no goberno, ten que ver coas políticas urbanísticas ou coa renuncia do laicismo. Ten que ver conque volve o vazquismo e goberna para as elites. A Marea Atlántica cumpriu co mandato das urnas. Apoiou a investidura e os orzamentos, penso que con xenerosidade. Facemos propostas. Foi a proposta da Marea que as escolas infantís son gratuítas. Pero a contrapartida é unha viraxe a políticas conservadoras que non ten que ver coa pandemia, senón con outros cálculos.

-Pódese reconducir a situación?

-É, pero Rey debería abandonar esas prácticas que desoen o mandato cidadá e coidar as alianzas que lle deron a investidura e a gobernabilidade ata agora.

A postura do goberno local sobre o porto non a entenden nin eles.

-A prioridade debe ser a reactivación como di a alcaldesa?

-Grazas á vacinación a emerxencia sanitaria vai remitindo, pero o golpe que levaron os fogares, as empresas, os máis vulnerables vai requirir un esforzo enorme. E estamos vendo a diferenza entre o que se di e o que se fai. Ines Rey di que a prioridade é a reactivación, pero estamos en xuño e o Concello non ten orzamento por decisión unilateral do goberno, non hai Presco, e os convenios saíron tardísimo. Moitas entidades van ter solo un ou dous meses para executalos. E son a primeira liña de ataque á vulnerabilidade. Hai áreas do goberno descalabradas: Cultura, Medio Ambiente, Emprego, e iso coa situación que temos. Rey faría moi ben en escoitarse e poñer en marcha todos os motores.

-Estanse a negociar inversións como sinalou a alcaldesa?

-O que está en negociación, e tarde, é o novo Presco, que é moito menos que o ano pasado, e o anexo de convenios para completar a proposta pírrica de febreiro. Iso é o que hai enriba da mesa.

-O goberno quere negociar orzamentos para o 2022. Como o ve?

-A Coruña non pode pasar un ano máis sen orzamentos. Foi unha decisión unilateral do goberno que a cidade non tivera un orzamento de crise este ano. Foi unha decisión que solo se deu no Ourense de Jácome. En consecuencia hai un montón de carencias, como axudas do Presco sen pagar. Non pode volver a pasar, e a colaboración da Marea require abandonar ese viraxe conservador e a posturas de dereita.

-Teñen dúas demandas contra o goberno, unha por incorporar á exvoceira de Ciudadanos e outra por inadmitir enmendas no pleno. Se gañan, que consecuencias terá?

-Foron dous decisións ilegais. Meter no goberno a unha concelleira que abandonou a súa formación está clarísimo na lei. E inadmitir enmendas dos grupos vulnera os dereitos fundamentais dos partidos e da cidadanía que nos escolleu. Son politicamente reprochables e manifestamente ilegais. As consecuencias as determinarán os tribunais. Pero está de manifesto o tremendo retroceso democrático que trouxo este goberno. Fixo do diálogo e da amabilidade unha marca de publicidade, pero a relación de traballo coa oposición e coa cidadanía crítica é a que estamos vendo.

-Se sae a das enmendas os fortalecerá para falar do orzamento?

-Non pensamos nesas consecuencias, o que non pode ser é que se furte o debate a toda a corporación. Ese é o noso obxectivo e o avalan os informes xurídicos.

-Entende a postura do goberno local sobre o porto?

-A postura do goberno sobre o porto non a entenden nin eles. Primeiro están a favor de condonar a débeda, logo din que trae mala reputación. Despois din que comparten as reivindicacións de 70 entidades que convocan unha manifestación, e logo as poñen pingando por facer política. Un día están a favor da titularidade pública dos terreos, logo no plan da UDC vese que non da totalidade. Inés Rey vai sola a negociar, como no 2004, cando Vázquez ía a porta pechada. Non comparten documentación. Non hai unha postura clara, hai presa por facer a foto, e sería lamentable que fora a foto da venda dos peiraos.

-Íñigo Errejón di que ten contacto coa Marea. Aliado futuro?

-Mantemos moi boa relación coas iniciativas municipalistas que tratan de facer dos concellos focos de transformación social. Traballamos en rede e temos boa relación con moitos movementos, partidos e persoas. Tentamos compartir políticas transformadoras en beneficio da xente e aí nos van a encontrar.

-Sondaxe di que perderían tres concelleiros. É posible remontar?

-Falta moito e os resultados poden cambiar. No ecuador do anterior mandato Xulio Ferreiro tiña resultados similares aos que ten agora Inés Rey e o PSOE estaba á baixa, pero logo conseguiu remontar. A xente non está pensando en eleccións e nós nos debemos ao mandato que temos como os seus representantes.

-Como ve a política de peonalizacións do gobierno?

-Son politicas que gañan espazo público, pero nunca podemos esquecer dar alternativas. As peonalizacións deben ir acompañadas demedidas que faciliten medios de transporte alternativos, e o transporte público é un dos grandes ausentes neste mandato. Fan falla tamén espazos alternativos para gardar os coches que segue habendo. A falla de políticas de transporte público na área metropolitana é unha causa do aluvión de coches entran na Coruña. É un tema totalmente abandoado polo goberno, e sen dar alternativas coas peonalizacións é lóxico que xurdan tensións.

-Ese abandono do que fala da política metropolitana explica o problema de Nostián?

-A cuestión metropolitana está absolutamente abandoada e as consecuencias prácticas para os cidadáns son estas: non hai avances no transporte e hai problemas en servizos básicos, que están pendentes dun hilo. Xa dixemos hai dous anos que había que coidar as relacións co Consorcio das Mariñas, pero non foi asi. O proxecto metropolitano está parado, ainda que A Coruña ten un peso enorme.Penso que os concellos veciños fixeron un balance bo da política de Xulio Ferreiro nese eido e de como abordou a problemática dos servizos metropolitanos dende unha optica de colaboración. Pero iso desapareceu.  

-É o segundo mandato da maioría do seu grupo, e son a cara do partido, que pasará se marchan?

-A Marea ten unha canteira moi boa e capaz, e ten experiencia tamén. Non vai ser un problema.

-Pero non van repetir?

-Eu o que che podo asegurar é que vou continuar na Marea Atlántica botando unha man, en que lugar xa se verá.

-Podería ser na cabeza de lista?

-(Ríe) non está en discusión e non vou abrila tampouco.