Vinte anos sen Ramiro Cartelle, «un renacentista ilustrado»

Rodri García A CORUÑA

A CORUÑA

Ramiro Cartelle, ex crítico musical de La Voz.
Ramiro Cartelle, ex crítico musical de La Voz. Cedida

Piden unha rúa para o musicólogo que formou parte de El Eco e fixo a primeira ofrenda en galego ao Apóstolo

21 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Era unha institución». Así resume Xosé Manuel Rabón a figura de Ramiro Cartelle Álvarez (A Coruña, 1935-2000). Con motivo dos vinte anos do seu pasamento, o 13 de novembro, estaba previsto celebrar unha semana de actividades para lembrar a quen foi formador de cantantes líricos e compositores, membro da coral El Eco e asistente do seu director Rodrigo A. de Santiago, cantante en varias obras programadas por Amigos de la Ópera, autor teatral, crítico musical deste xornal e a primeira persoa en ler unha ofrenda en galego diante do apóstolo Santiago, cando en maio de 1965 a agrupación O Facho, da que formou parte, peregrinou a Compostela. Por todo iso, apunta Rabón, para moitos era «un renacentista ilustrado».

Aínda que non haberá actos conmemorativos, o que si está en marcha é a petición ao Concello para que unha rúa da cidade leve o seu nome xa que para a cultura de Galicia, «e para a música na súa máis ampla faciana universal, Ramiro Cartelle Álvarez foi un coruñés irrepetible merecente de todo respecto e admiración e, xa que logo, do recoñecemento oficial e popular da súa cidade traducido na rotulación dunha rúa co seu nome». Iso di Antón de Santiago na biografía que acompañará a petición. Tamén lembra que con 20 anos Cartelle «acada o título de Profesor Mercantil, por desexo do seu pai, comerciante e dono de Camisería San Germán, sita na rúa Riego de Agua, fronte ao Teatro Rosalía de Castro». Pero a súa verdadeira vocación «é musical e literaria. Estuda piano no conservatorio coruñés, no que obtén o título profesional da carreira de piano», recolle Antón de Santiago, que non só foi alumno seu, senón que Cartelle foi o pianista que o acompañou no seu debut como cantante lírico. O mesmo que faría en moitas ocasións con figuras da lírica como María Luísa Nache.

No Arquivo Municipal

«Ramiro tomou conciencia da cultura de Galicia e, dun xeito autodidacta, iniciou colaboracións en galego na prensa escrita e afondou no coñecemento da música galega xurdida do Rexurdimento, da que recompilou unha importante colección que na actualidade fica no Arquivo Municipal do Concello da Coruña», di o texto biográfico. Esa conciencia galeguista levouno a formar parte da Agrupación Cultural O Facho, na que dirixiu o grupo teatral e deu a coñecer, con lecturas dramatizadas, os cancioneiros medievais. Ademais, como fondo créente, «contribuíu á galeguización da liturxia iniciada polos cóengos da Colexiata coruñesa, Mourente e Espiña, creando un coro que se chamou Galicia Nova e que participaba nas misas que ámbolos cregos celebraban na igrexa das Capuchinas na rúa de Panadeiras».

Cartelle, xunto con Xosé Manuel Rabón e Antón de Santiago, impulsou a fundación da Asociación Musical Andrés Gaos. Foi en 1974, ano do centenario do nacemento do violinista e compositor coruñés, e supuxo o primeiro paso para a futura recuperación da figura de Gaos.

A relación das moitas tarefas -como as de dirixir as corais de Fenosa e a da Fábrica de Tabacos- e iniciativas nas que participou Ramiro Cartelle dan a razón aos que o consideraban como «un renacentista ilustrado», ese mesmo para o que amigos e compañeiros piden agora o nome dunha rúa na cidade.