Luis Zahera: «Rirse de todo é bo para o corazón»

fernando molezún A CORUÑA

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

O actor estará este sábado no Teatro Colón celebrando xunto a Manuel Manquiña e Róber Bodegas o 10.º aniversario de «Noites de retranca»

25 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dez anos arrancaba un experimento que pretendía reunir enriba dun escenario aos mellores cómicos de Galicia co obxectivo de festexar esa maneira propia e peculiar de entender o humor que teñen os galegos. E como non podía ser doutra maneira, o conto chamouse Noites de retranca. Os protagonistas foron variando co paso dos anos, pero o que non cambiou foi que os teatros por onde pasaba este espectáculo estaban sempre cheos. Celebran agora o seu décimo aniversario xuntando este sábado no Teatro Colón -dous pases, ás 20.30 e ás 22.30 horas, con entradas entre 14 e 18 euros- a tres pesos pesados da comedia: Manuel Manquiña, Róber Bodegas e Luis Zahera, co que falamos.

-Que un espectáculo de humor celebre o seu décimo aniversario supoño que é algo que hai que celebrar.

-O formato de Noites de retranca, o formato monólogo, funciona bastante ben. De entrada porque é máis cómodo contratar a un monologuista que a unha compañía de teatro enteira, así que tamén o éxito forma parte dalgunha maneira da crise. Non hai cartos para apoiar as xiras de teatro, e alí entramos os monologuistas. Pero sen entrar en debates deste tipo hai que recoñecer que chegar aos dez anos mostra que é un formato consolidado. E a ver se chegamos aos vinte.

-Pero que leve tantos anos enchendo teatros supón que o público ten ganas de comedia.

-Home, tal e como está a cousa de revirada é mellor rir. Aínda estamos saíndo desa cousa tan desagradable que é a crise, así que supoño que algo ten que ver, que a xente ten ganas de rir e botar un pouco por fora todas as preocupacións, como é natural.

-E iso que a día de hoxe case hai que pedir permiso para facer humor sen ofender a ninguén.

-Eu penso que hai que rirse absolutamente de todo. E tamén hai que chorar. Pero limitarse e autocensurarse, entrar nesa vórtice de que non se pode un rir de nada é algo absurdo. Rir axuda a descomprimir e relativizar as cousas. É bo para o corazón e a alma.

-Non é o monólogo un formato duro para o artista? Ten que ocuparse do texto, da escena, da actuación...

-Pero é que estamos nesto porque nos gusta. É certo que eu fago os meus propios textos, pero é un traballo cómodo o do actor que lle vai minimamente ben, que vai traballando. O que é sufrido é traballar nunha mina ou en Médicos sen Fronteiras. Somos uns afortunados.